Parroquia

Parroquia da Braña.
Área: 5,5 km2.
Altitude media: 620 metros.
Poboación ano 2009: 68 habitantes repartidos en 3 entidades de poboación: Abrairas, A Braña e Millares.
Entre os seus monumentos relixiosos destaca a igrexa parroquial de San Miguel, do século XI.
A igrexa parroquial non sempre estivo na Braña, o templo foi trasladado dende o lugar de Requeixada ata a súa actual situación, os lindes do Camiño Real de Castela a Mondoñedo. Alguna fontes sinalan o século XVII como posible data do traslado.
En documentos antigos, faise referencia a esta situación: "no ano 1733, deuse sepultura a un home veciño de Ferrol que viña de Castela", outra anotación di que "no ano 1826 se celebrou o enterro dun home que viña do reino de Castela e era de Lorenzana".
Sufriu varias reformas ao longo do tempo, ten planta rectangular e presbiterio coa mesma forma. Nun lateral está pegada a sancristía, de planta rectangular e con acceso dende o presbiterio e dende o exterior por unhas portadas alinteladas. Os muros que a conforman son de mampostería e cadeirado de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas e catro augas. Só conserva un retablo na capela maior, de estilo barroco.
A imaxe de San Miguel e a imaxe da Virxe das Dores que se conservan na igrexa da Braña, son obra do escultor Bonifacio Castro Seoane, que viviu en Millares, na casa de Peña, entre finais de 1800 e principios de 1900.
Forman parte do seu patrimonio dous cálices de prata repuxados, (un de gravados e outro de gallones) ambos do século XVII.
Remata o conxunto un cruceiro de recente colocación.
Existe tamén a capela de Abrairas, consagrada a San Ramón Nonato, que é unha pequena capela de planta rectangular de construción popular.
Solicitouse a súa construción no ano 1766 alegando que estaba moi lonxe a igrexa parroquial, foi bendicida en 1769.

Cruceiro

San Miguel da Braña

Igrexa de San Miguel

Capela de Abrairas

Igrexa de San Miguel

Campá da igrexa de San Miguel


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...