31 de maio de 2017

As Regas




As Regas, é un lugar da parroquia onde levaban pastar as ovellas os nosos veciños. 
Levaban os rabaños cruzando pola Requeixada e as Canceleiras ata chegar ás Regas, na foto aérea da nos aldea do ano 1945 a máis antiga que temos, vense os camiños que atravesaban daquela pola Requeixada. Estas fotos fixéronas os estadounidenses durante a II guerra mundial nos voos de transporte militar entre Xibraltar e Francia desviándose das rutas sen que se enterara o réxime ditatorial franquista colaborador dos nazis.


Os pastores gardaban nas Regas unhas potas e cocían cachelos para merendar con outros alimentos que levaban nun fardelo da casa, a auga tíñana alí e as patacas collíanas das leiras cando pasaban para o monte coas ovellas.
Algunhas veces si se descoidaban o lobo matáballes algún animal, tamén xogaban a facer prados e leiras no chan.
Cando volvían cos rabaños do monte ao chegar á aldea xebrábanos.
O nome das Regas é un derivado de rego que alude á abundancia de canles ou regos de auga, tamén ten as acepcións de terreo pantanoso, prado con herba ou depresión do terre o entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga.


As ovellas que tiñan eran de raza "Ovella Galega" catalogada en perigo de extinción polo Real Decreto 2129/2008, de 26 de decembto, polo que se establece o Programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras.



Esta raza con orixe en Galiza posúe unha historia moi unida ao pobo galego, as ovellas levan entre nós dende fai 5.000 ou 6.000 anos, é dicir, dendo o neolítico. Nos poboados celtas dos castros, predominaban as ovellas fronte a o gando vacún.
No 2014 só había 4.335 exemplares.

1 de maio de 2017

A gadaña


A gadaña non é unha ferramenta que saiba manexar calquera. Poucas sobreviven na nosa aldea. 
Antigamente facían competicións de sega nos prados. Se fora deporte olímpico seguro que algún veciño noso estaría na selección galega.


Esta ferramenta agrícola dotada de folla de ferro que produce son ao ser batida con outro ferro ou cunha pedra, foi usada cono instrumento musical en diversas zonas de Galiza.   Normalmente recorríase a elas para acompañar un canto no marco dunha tarefa agrícola, ben para facer un descanso na mesma, ben para celebrar o seu remate parcial ou total.


Ademáis de práctica hai que ter resistencia. Hai que ter xeito como vemos no vídeo: o gadañeiro ten que levar a gadaña nin tan cerca que chegue á terra, nin tal alta que deixe a herbadesaproveitada.
Tamén parece que o mellor sitio para non se enfurruxa a gadaña no inverno é o fume que lle da protección.
Outro apeiro parecido é o gadaño. Era utilizado para coller os toxos.


Poucos veciños quedan que saiban cravuñar unha gadaña. De tanto segar o fío ponse cego. O mango da gadaña non é coma o de outras ferramentas agrícolas que dura no sitio ata perecerpor algunha razón. Cando se cravuña a folla, hai que desmontalo. Para cravuñar vaise petando coa piqueta sobre a ingre.


Cada segador leva a súa cudeira pendurado do cinto e dentro a pedra de afiar. A codeira era de corno de vaca.




Adiviña:
Cal é o animaliño que pasa pola herba e deixa un camiño?

Ditos:
Se queres ter bo prado, mal pacido e ben gadañado.

A gadaña quere forza e maña.

Hai que sacalas gadañas... (ante inxustizas).

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...