07/02/2017

O traxe galego



O traxe galego é a vestimenta tradicional que o pobo galego usaba para as súas actividades ata ben entrado o século XX. Existen diferenzas entres os traxes usados para traballar, ir á feira e os dos días de festa.
Nalgunhas fotos do século pasado dos nosos veciños apréciase algún vestixio do traxe galego. 



A indumentaria variou ao longo dos séculos segundo os materiais de que dispoñía o home, o costume, o poder económico e, sobre todo, o clima, pois non pode ser igual a dunha terra con invernos húmidos e fríos que outra onde son secos e temperados.


Dende a prehistoria, pasando por todas as invasións, unhas veces triunfaron as modas dos vencedores e outras as dos vencidos, sen esquecerse das imposicións relixiosas, de decisiva importancia ao longo da historia, pois o clero era o encargado de xulgar se unha peza ou modelo estaban de acordo co que se consideraba decente. Non vestía igual unha moza solteira que unha casada ou viúva. 


Houbo ocasións en que non estaba ben visto tela pel moura, xa que era sinónimo de traballo ao aire libre, e, tendo en conta isto, a xente procuraba ir ben tapada para que non lle dera o sol.


O conxunto do traxe que se considera tradicional, tanto o feminino como o masculino, empézase a configurar na segunda metade do século XVIII. Publícanse as primeiras galerías de traxes populares impulsados polo nacente romanticismo que admira todo canto sexa pintoresco, diferente e popular.


traxe tradicional é un dos elementos propios da identidade dun pobo, pero non só do galego, pois o mesmo está a suceder en toda Europa. Na década dos anos 20 do século pasado aínda se podían ver algunhas persoas maiores co traxe tradicional ou con varias pezas, que foron as derradeiras que o usaron.


O vestido en xeral transformouse totalmente ao longo duns cen anos ata as primeiras décadas do XX, non quedando dende entón máis que algúns vestixios.


Logo, de ser cotián pasou a formar parte do folclore. Os que o vestimos no sucesivo, tanto homes como mulleres, non é máis que como traxe folclórico, cinguíndose exclusivamente o seu uso a determinados actos e días de carácter festivo.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...