7 de set. de 2016

O nabo

Os nabos son un dos cultivos máis típicos de Galiza polas condicións climáticas axeitadas para o seu crecemento. 


Como hortaliza típica da nosa terra, é un dos ingredientes básicos para a realización dalgúns dos pratos máis representativos da nosa cociña, por exemplo o caldo de nabizas, o cocido (constituído fundamentalmente de carne de porco, touciño, chourizos, patacas e cimos) ou o lacón con grelos.


Constitúe un elemento diferenciador respecto da cociña tradicional doutros países. Os termos relacionados co nabo son unha referencia continua na cultura galega, a través de cantigas, refráns, frases feitas e adiviñanzas.


Hai festas de exaltación gastronómica desta planta en varios concellos.
Seméntase entre agosto e setembro ciscando as sementes ao chou. Utilízase toda a planta como alimento para as persoas e o gando durante os meses de novembro a maio.


Palabras relacionadas co nabo:
Carola: raíz do nabo.
Cimo: gromo desenvolvido no nabo, do que saen as flores. Tamén se chama grelo.
Nabiña: semente do nabo. Para obter a nabiña hai que plantar nabos coas nabizas cortadas. Unha vez floreen e teñan a casula póñense ao sol para que abran e saia a nabiña.
Nabiza: folla tenra do nabo.
Nabo: ademais da planta comestible da familia das crucíferas, tamén ten significado popular de pene.

Ditos:
Non me toques o nabo = Non me toques o carallo = (non me molestes).
As nabizas piden unto; e os cimos, lacón ó punto.
De tal terra, tales nabos.
Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.



Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...