24/09/2016

Mesa electoral


En Millares na época da Segunda República tiñamos mesa electoral. Hoxe en día se queremos votar temos que ir á mesa de Retizós. O 16 de febreiro do 1936 na sección chamada Millares votaran 478 electores dos 579 inscritos no censo. 
Domingo Fernández Dourado de San Mamede foi un dos gardas cívicos na mesa de Millares. A "Guardia Cívica Republicana" era a encargada de que non houbera incidentes o día das votacións. A lei electoral era por listas abertas, os votantes podían elixir candidatos de distintas listas para cada un dos escanos da súa circunscrición.



Non sabemos se daquela houbo mitins en Millares. Onde si houbera fora no Cádavo dende o balcón da casa de Xesús Carballedo. No mitin falaran entre outros: Xosé María Díaz Villamil avogado e mestre, Celestino Noia Rodríguez catedrático de instituto, Glicerio Albarrrán Puente mestre, Arximiro Rico Trabada mestre, Froilán Arias Escobar avogado e xuíz municipal, todos membros ou simpatizantes da Fronte Popular. A Fronte Popular foi unha coalición electoral na que estaban entre outras formacións: Esquerda Republicana, Organización Republicana Galega Autónoma, Partido Galeguista, Partido Socialista etc. En febreiro do 1936 logran a vitoria nas últimas eleccións democráticas durante a Segunda República, antes do golpe de estado que produciría a guerra civil. Os elementos conservadores perderan a batalla das urnas.
Polo tanto, as últimas eleccións celebradas na mesa de Millares foron o 16 de febreiro do ano 1936, xa que en xullo os militares fascistas sublevados contra a legalidade republicana instauraron a ditadura franquista. 
O exército e a igrexa constituíron os piares do novo réxime, no que era constante un sistemático control da poboación e a metódica utilización do terror reprimindo e castigando. Os párrocos convértense nun dos principais instrumentos de información local.
Remitían os informes solicitados polos tribunais militares, que daban fe da consideración de "boa" ou "mala" persoa para o réxime. Os sacerdotes eran os ostentadores da moralidade cristiá que se convertía en oficial para o novo réxime. Xunto aos militares convertéronse nos posuidores incuestionables da "verdade ideolóxica" do sistema.
Permitíanse dirixir e gobernar o seu "rabaño" e comunidade local de xeito absoluto. A provincia de Lugo foi dominada polos militares en poucos días xa que se sublevaran case o 100% dos mandos.
Obsesionados coa idea de acabar co período ilusionante de cambio que votara a poboación, a ditadura fascista realizou unha operación cirúrxica de magnitudes xigantescas e crueis. Na nosa parroquia e noutras veciñas houbo mortos (Xesús Trabada, Xosé Fernández...), presos (Pedro Pereira, Xosé Escobar...), multas (Feliciano Nogueira, Froilán Arias...), xuízos (Arturo Trabada, Enrique Portela...), detencións (dous soldados da Cortevella, outro de Retizós,...) incautacións, traballos forzosos, inhabilitacións para cargos públicos, etc. simplemente por non pensar do mesmo xeito que os fascistas.
A sublevación conservadora do 18 de xullo do 1936 non tivo o poder do noso concello ata o 30 de xullo, cando cesan aos concelleiros, que máis tarde expedientan: Antón Saavedra Díaz de San Paio, Arturo Trabada Ron de Abrairas, Bartolomé Chantres Álvarez de Suagranda, Cesáreo Tellado Fernández da Muíña, Gabriel Mosteirín Díaz de Solleiros, Manuel Álvarez Álvarez do Cádavo, Pedro Agrelo Dourado de Barcia, Xesús Carballedo Fernández de Cima de Vila, Xosé Arias Fernández da Lastra e Xosé Vilares Díaz do Real de Martín todos da Fronte Popular.
Os partidos políticos que había na época da República (Organización Republicana Galega
Autónoma (ORGA), Partido Galeguista...) exclusivamente galegos, é dicir, que non eran
dependentes de organizacións de ámbito estatal, hoxe en día non se presentan ás eleccións.



Foron desaparecendo e aparecendo outros. Por exemplo nas eleccións xerais do 1982 había pola provincia de Lugo: Coalición Electoral Bloque-PSG, Galicia Ceibe, Esquerda Galega e Partido Comunista de Galicia.
Nas eleccións de setembro de 2016 entre partidos de ámbito galego exclusivamente e outros que teñen ámbito estatal, na nosa circunscrición preséntanse un total de 11. 
Por orde de publicación no diario oficial son: 
CONVERXENCIA VINTEÚN (C 21), BNG-NÓS CANDIDATURA GALEGA (BNG-NÓS), PARTIDO ANIMALISTA CONTRA EL MALTRATO ANIMAL (PACMA), PARTIDO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA-PSOE (PsdeG-PSOE), PARTIDO POPULAR (PP), COMPROMISO POR GALICIA (CxG), CIUDADANOS-PARTIDO DE LA CIUDADANIA (C’s), RECORTES CEROGRUPO
VERDE, GANEMOS GALICIA:Sí Se Puede (GAÑEMOS), PARTIDO ANTICORRUPCIÓN
Y JUSTICIA (PAYJ), EN MAREA (EN MAREA).

07/09/2016

O nabo

Os nabos son un dos cultivos máis típicos de Galiza polas condicións climáticas axeitadas para o seu crecemento. 


Como hortaliza típica da nosa terra, é un dos ingredientes básicos para a realización dalgúns dos pratos máis representativos da nosa cociña, por exemplo o caldo de nabizas, o cocido (constituído fundamentalmente de carne de porco, touciño, chourizos, patacas e cimos) ou o lacón con grelos.


Constitúe un elemento diferenciador respecto da cociña tradicional doutros países. Os termos relacionados co nabo son unha referencia continua na cultura galega, a través de cantigas, refráns, frases feitas e adiviñanzas.


Hai festas de exaltación gastronómica desta planta en varios concellos.
Seméntase entre agosto e setembro ciscando as sementes ao chou. Utilízase toda a planta como alimento para as persoas e o gando durante os meses de novembro a maio.


Palabras relacionadas co nabo:
Carola: raíz do nabo.
Cimo: gromo desenvolvido no nabo, do que saen as flores. Tamén se chama grelo.
Nabiña: semente do nabo. Para obter a nabiña hai que plantar nabos coas nabizas cortadas. Unha vez floreen e teñan a casula póñense ao sol para que abran e saia a nabiña.
Nabiza: folla tenra do nabo.
Nabo: ademais da planta comestible da familia das crucíferas, tamén ten significado popular de pene.

Ditos:
Non me toques o nabo = Non me toques o carallo = (non me molestes).
As nabizas piden unto; e os cimos, lacón ó punto.
De tal terra, tales nabos.
Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...