30 de xul. de 2015

Parroquia minguada


O PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) do concello de Baleira quítalle máis de 200 hectáreas de superficie á nosa parroquia. 
Fixándonos no plano que tiveron exposto, axiña nos decatamos que a liña trazada de límite parroquial pouco se parece ao linde real. 
Xa estaba mal delimitada nas normas subsidiarias de planeamento do ano
1983 e segue mal.


Segundo os medios de comunicación este PXOM ten varias deficiencias pois recibiu máis de 150 alegacións.
E volvendo á nosa parroquia, hai documentos de varios séculos onde indican os marcos reais da freguesía.
Empezando na Rea de Penas e no sentido das agullas do reloxo son:
A Rea de Penas, As Valiñas, O Alledo, Fonte do Salgueirín,  Carballo Verrugoso, Penedo Franxón, Pena dos Sete Pastores, Lagoa de Seoane, Pena Cerrada, Pena Edrada, Pouso de Abaixo, Pena do Allo, Medorra das Campas, A Arqueira, O Latedo, O Val do Souto, Fonte das Lestas, Chao da Cabana, Miradoiro, A Lagoa e A Rea de Penas.





6 de xul. de 2015

O Valado



Non temos muralla coma os chinos pero case. Vese a vista de paxaro.
No norte da nosa parroquia, dende tempo inmemorial existe un valado que marca o límite entre a nosa freguesía e a de Retizós. Cando se levantaría? Canto tempo lles levaría? 


Esta construción ten máis ou menos un metro de alto e medio de ancho. A lonxitude é de 1 quilómetro dende o pico do monte ata o fondo. Case é unha liña perfecta con rumbo de oeste a leste. Empeza na Rea de Penas e baixa ata As Valiñas.


Nalgúns sitios está algo deteriorado, pero esperamos que non se desbarate, pois é parte do patrimonio de todos.



Os materiais que utilizaron nesta estrutura para delimitar esa "fronteira" foron: chantos, pedras, terra e terróns.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...