21/04/2015

Promesa incumprida

Como queda claro neste documento recompilado no arquivo provincial, en todas as épocas houbo homes que deixaron de lado os seus deberes como pai e non se responsabilizaron dos seus actos, nin dos seus fillos nin dos seus coidados e educación.
Por sorte, ese tipo de homes eran e son unha minoría.



"No distrito da Baleira, a 14 días do mes de xaneiro diante do alcalde e de eu, escribán de S.M., comparece voluntariamente Neves Boudón filla lexítima de Tomás Boudón e Ánxela Aenlle veciños do lugar de Millares, maior de 27 anos de idade, dixo que estando na casa e na compaña dos citados pais no estado de solteira, vivindo casta e honestamente, deulle de falar e comunicar con frecuencia Bieito Aira, solteiro fillo de André Aira, veciño da parroquia, con palabra expresa de casamento conseguindo dela baixo tan firme resolución ter cópula carnal, resultando estar embarazada como está de oito meses, e co fin de que non se lle poña algún castigo polo delito que leva confesado, e que a criatura que Deus lle dera a luz non padeza extravío, determinou presentarse ó señor alcalde para que a espontanease benignamente, obrigándose a dar conta daquela, facela bautizar, criar e alimentar e a maiores,  e de que así o cumplirá exacta e relixiosamente dá por fiador seu ó seu pai Tomás Boudón, quen presente nesta acto aceptou, e constituíu igual obrigación á que leva feito a súa filla Neves, suxeitando formalmente a súa persoa e bens.
En vista do cal o dito señor alcalde deu por bastante a fianza, previndo ó pai e á filla eviten no sucesivo todo trato e comunicación co Bieito Aira, pois se reincide tomaranse as oportunas providencias para atallar acontecementos de semellante clase, condenándoos por ser a primeira vez ó pago desta espontánea e a súa testemuña, caso de que o soliciten que lles expedirá o infraescrito escribán, a todo o que estiveron presentes por testemuñas Francisco Tella, Bartomeu e Lois Castiñeiras, pai e fillo veciños do distrito, asinou o Boudón e non a filla porque asegurou que non sabía, fíxoo o alcalde, do que dou fe eu escribán".
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...