25/03/2015

A carqueixa

Dende os albores da humanidade, o home utilizou as plantas a xeito de medicina, para curar todo tipo de doenzas.
A medicina popular desenvolveuse, durante séculos, pola observación empírica e mantívose de xeración en xeración, pola tradición oral.
A carqueixa (Pterospartum tridentatum, Genista tridentatum) é unha planta moi típica de Galicia, tamén se localiza en Portugal e no resto da metade occidental da Península Ibérica e no norte de Marrocos.



Nunha sociedade eminentemente rural a carqueixa era moi apreciada e empregada en multitude de aplicacións, tanto medicinais, como practicas: para acender o lume ou quentar o forno, para conservar os chourizos que tras o afumado se depositaban sobre carqueixas ou en aceite, como alimento do gando ou, xa seca, a xeito de estropallo, para limpar o chan, a madeira, os potes de ferro e a louza, por isto último en moitos lugares aínda lla coñece como lavacuncas.


Cando a carqueixa está tenra, as ovellas consúmena con fruición. Usouse tradicionalmente como cama para o gando así como estrumbo, ramaxe que se bota ao chan dos currais para que as vacas, ovellas e demais animais non pisen o barro e os charcos e que ao final se recolle como aboamento.
Crece sobre chans silíceos e pobres dende o nivel do mar ata os 1800 m. Non tolera a aridez, non soporta a sombra nin chans secos. É indicador de chans ácidos e moi pobres en nitróxeno. Críase nos chans sen cal.
É unha planta moi pirófita, que rexermola con facilidade despois dos incendios.
Nomes:
España: Carqueixa (Galiza e Asturias), Torogordo, Lavacuncas, Engordatoro, Chamosquina, Craqueja, Carquesia, Carquesa, Carqueja.
Portugal: Carqueja, Carqueijeira.

Usos medicinais:
Os baños do seu cocemento, xerais ou parciais, son contra a gota, reumas, perlesía, caídas.
Empregouse como medicinal, en moi diversas formas; como xarope para purificar o sangue e como diurético contra a gota. As súas flores empregáronse tamén para combater os catarros e bronquitis.
Purifica o sangue, os malos humores, evita apostémalas e os malos resultados dos golpes ou caídas bañando a parte mancada co xugo e bebendo algúns tragos do mesmo ou da flor que adoita habela nalgunhas boticas.
O seu olor é agradable e o sabor nada repugnante. Para beber cócese como o té e bótaselle algo de azucre. Cando o gando vacún se chea, con só comela, quítalle a inapetencia e fastío.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

É unha planta moi fermosa, eu téñoa no xardín

FPM dixo...

Ay si !. É unha pranta xusta para os xardins e moi fermosa é.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...