24/02/2015

Os carpinteiros

Inda que hai tempo deixamos de ter carpinteiros en Millares, os seus traballos feitos con madeiras autóctonas (carballo, castiñeiro, freixo, etc) resísten o paso do tempo.  Afortunadamente as súas obras deixaron unha fonda pegada e hoxe podemos admirar e seguir utilizando carros, arados, artesas, huchas, portas, xanelas, corredores e moitos máis obxectos.  Sabiamente estase restaurando e conservando ese legado. 


Habíaos especializados en construír carros do país, en armar os teitos, en tornear, chamados neste último caso torneiros.
O carpinteiro de taller cubría xeralmente toda as especialidades nunha mesma poboación facendo, dende un berce, un escano ou un xugo, ata os paus para os trebellos da labranza como as aixadas.


Traballaba coas ferramentas propias do oficio, entre elas, unha peza fundamental era o banco de carpinteiro. Coas serras ou os serróns podía acurtar as pezas de madeira. A garlopa servía para endereitar a táboa e o garlopín para arranxar as beiras. 




O cepillo,o rebaixador, acanalador servían para facer os adornos. Co gubia ou co berbequí facíanse os buratos necesarios na madeira. Outras pezas como o sarxento o martelo, as tenaces serven para armar as pezas, cravándoas ou encolándoas. Deixamos dúas cancións, feitas sobre poemas de Manuel María dedicadas unha ó carro musicada por Fuxan os Ventos e outra ó arado por Mini e Mero.


Non canta na Chá ninguén,
por éso, meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino coma un asubío,
anque é, as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
iQué fermosa e a sua feitura!
iQué lixereza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde meu carro pasa.
iCarrétame herba pro gando!
iTraime a colleita pra casa!



Labrado da miña mau
Fixen coa miña navalla
Un aradiño de pao...
Leva timón e chavella
!e unha rella furadora
Feita cunha lata vella!
Ten orelleiras, rabela
Tan luída e rematada
!que namora mirar pra ela!
O meu arado e tan feito
!que pode incluso esfender
labradíos a barbeito..!
!Teño xa que darlle estreno
ó meu arado arador,
ó meu arado pequeno..!
!E non sei ónde hei de ir
busca-los bois que preciso,
busca-los bois pra xunguir!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...