Prestáronnos o testamento da súa nai Mariña Freixe:
Primeiro mando e encomendo a miña alma a Deus noso señor
que a criou e redimiu pola súa preciosísima sangue, paixón e morte, e o corpo á
terra de que foi formada, e que cando a súa divina vontade queira levarme desta
vida á eterna, mando co meu cadáver sexa amortallado en roupa de liño e con ela
entérrenme na igrexa desta parroquia na sepultura que lle pareza ó meu
cumpridor que ten dotada a miña casa onde habito, e que o día do meu enterro
digan a Deus pola miña alma 4 misas, unha delas cantada con vixilia con 5
señores sacerdotes incluso o párroco e o resto rezadas, e á maior ofrendan a
Deus pola miña alma medio carneiro e 4 reais en diñeiro, e o día das miñas honras
outras tantas misas e ofrendan coma no enterro ca mesma igualdade. Mando ós
santos e santas da miña devoción, defuntos da miña obrigación e segundo a miña
intención 6 misas votivas, a súa esmola a 4 reais, en canto ó gasto que haxa
nas miñas funcións déixoo a vontade do meu cumpridor, ás ordes mendicantes
mando o que se fai de costume.
Declaro que hai cousa duns 16 anos e por instrumento ante
escribán, mellorei en terzo e quinto dos meus bens ó meu fillo Paulo do meu
marido citado defunto, e coa condición de que estivese na miña compaña e me
amparase no posible. Non o executou e marchou ós reinos de Castela sen que
saiba do seu paradoiro, vida ou morte, e só na miña compaña asiste actualmente
Ana Freixe a miña lexítima filla e do expresado marido, manténdome co seu
traballo, sendo o amparo da miña vellez, polo que, e mirando a ingratitude do
meu fillo citado, dende logo revoco e anúlolle a mellora que lle tiña feita e
quero elixir a Ana, é a miña vontade que leve e perciba dende agora para sempre
ademais da súa lexítima a mellora a miña filla que así é a miña determinada
vontade.
E despois de cumprido e pagado este testamento e no que
dispuxen e quitei da mellora do terzo e quinto, nos demais bens sobrantes
deixo, nomeo e institúo por herdeiros meus á mencionada Ana, o citado Paulo,
Antía, Rosa viúva de Filipe Castro, Olalla e Sabela, que estas dúas están
ausentes, todos fillos meus lexítimos e do recordado marido para que leven por
iguais partes coa bendición de Deus e a nosa que así é a miña vontade.
Nomeo cumpridor do meu testamento ó cura párroco desta
parroquia e á citada filla Ana, ós que lles dou o poder suficiente para que á
conta dos meus bens cumpran e executen este testamento vendendo o necesario
segundo lles pareza, polo cal anulo calquera outro testamento que fixera antes
escrito ou de palabra, e si que sexa este o que fago e outorgo diante do
presente escribán da súa maxestade estando na miña casa na habitación deste
lugar de Millares a vinte e un días de agosto e non o asino por non saber, e
rogo que o faga unha testemuña que eu mandei chamar e son presentes Xan
Fernández, Alexandre Ferreiro, Xacinto Cando e Antón Lúa, todos veciños desta
parroquia da Braña.
De todo esto eu escribán digo que coñezo á outorgante e dou
fe, e que ó tempo que fixo este testamento está no seu cabal xuízo, que parece
que ten polo ben que fala e as razóns que dá ó que se lle pregunta, á que
advertín dispoñer e servir copia deste instrumento no oficio de hipotecas para
a súa toma de razón no prazo dun mes e prometeu executalo ut supra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario