28 de xan. de 2015

Que foi de Paulo?

Que lle pasaría ao noso veciño Paulo nos reinos de Castela? morrería de enfermidade, abuso, accidente? asasinaríano? desaparecería voluntariamente?, regresaría a Millares antes ou despois da morte da súa nai?.
Prestáronnos o testamento da súa nai Mariña Freixe:


Saiban todos os que vexan esta carta de manda e testamento e última vontade, coma eu, Mariña Freixe viúva de Antón Castedo veciños desta aldea de Millares, parroquia de San Miguel da Braña, que estou enferma de enfermidade natural que me deu Deus o noso señor, e no meu cabal xuízo e receosa da morte que é común a todo vivinte, crendo como creo nos misterios da Santísima Trindade, Pai, Fillo e Espírito Santo, tres persoas distintas e un só Deus todo poderoso e en todo o demáis que ten, creo e confeso na nosa santa nai igrexa, católica apostólica e romana, en cuxa fe e crenza protesto vivir e morrer, teño pola miña avogada e intercesora á virxe santísima, santa do meu nome, anxo da miña garda e demáis da corte celestial, para que se dignen e intercedan por min coa súa divina maxestade, e con esta crenza e invocación divina e protesta da fe, fago e ordeno as miñas mandas e o testamento na maneira seguinte:
 
Primeiro mando e encomendo a miña alma a Deus noso señor que a criou e redimiu pola súa preciosísima sangue, paixón e morte, e o corpo á terra de que foi formada, e que cando a súa divina vontade queira levarme desta vida á eterna, mando co meu cadáver sexa amortallado en roupa de liño e con ela entérrenme na igrexa desta parroquia na sepultura que lle pareza ó meu cumpridor que ten dotada a miña casa onde habito, e que o día do meu enterro digan a Deus pola miña alma 4 misas, unha delas cantada con vixilia con 5 señores sacerdotes incluso o párroco e o resto rezadas, e á maior ofrendan a Deus pola miña alma medio carneiro e 4 reais en diñeiro, e o día das miñas honras outras tantas misas e ofrendan coma no enterro ca mesma igualdade. Mando ós santos e santas da miña devoción, defuntos da miña obrigación e segundo a miña intención 6 misas votivas, a súa esmola a 4 reais, en canto ó gasto que haxa nas miñas funcións déixoo a vontade do meu cumpridor, ás ordes mendicantes mando o que se fai de costume.

Declaro que hai cousa duns 16 anos e por instrumento ante escribán, mellorei en terzo e quinto dos meus bens ó meu fillo Paulo do meu marido citado defunto, e coa condición de que estivese na miña compaña e me amparase no posible. Non o executou e marchou ós reinos de Castela sen que saiba do seu paradoiro, vida ou morte, e só na miña compaña asiste actualmente Ana Freixe a miña lexítima filla e do expresado marido, manténdome co seu traballo, sendo o amparo da miña vellez, polo que, e mirando a ingratitude do meu fillo citado, dende logo revoco e anúlolle a mellora que lle tiña feita e quero elixir a Ana, é a miña vontade que leve e perciba dende agora para sempre ademais da súa lexítima a mellora a miña filla que así é a miña determinada vontade.

E despois de cumprido e pagado este testamento e no que dispuxen e quitei da mellora do terzo e quinto, nos demais bens sobrantes deixo, nomeo e institúo por herdeiros meus á mencionada Ana, o citado Paulo, Antía, Rosa viúva de Filipe Castro, Olalla e Sabela, que estas dúas están ausentes, todos fillos meus lexítimos e do recordado marido para que leven por iguais partes coa bendición de Deus e a nosa que así é a miña vontade.

Nomeo cumpridor do meu testamento ó cura párroco desta parroquia e á citada filla Ana, ós que lles dou o poder suficiente para que á conta dos meus bens cumpran e executen este testamento vendendo o necesario segundo lles pareza, polo cal anulo calquera outro testamento que fixera antes escrito ou de palabra, e si que sexa este o que fago e outorgo diante do presente escribán da súa maxestade estando na miña casa na habitación deste lugar de Millares a vinte e un días de agosto e non o asino por non saber, e rogo que o faga unha testemuña que eu mandei chamar e son presentes Xan Fernández, Alexandre Ferreiro, Xacinto Cando e Antón Lúa, todos veciños desta parroquia da Braña.
De todo esto eu escribán digo que coñezo á outorgante e dou fe, e que ó tempo que fixo este testamento está no seu cabal xuízo, que parece que ten polo ben que fala e as razóns que dá ó que se lle pregunta, á que advertín dispoñer e servir copia deste instrumento no oficio de hipotecas para a súa toma de razón no prazo dun mes e prometeu executalo ut supra.

11 de xan. de 2015

Bandeiras


O Estatuto de Autonomía da Galiza nun dos seus artigos di que por lei de Galiza poderase recoñecerlle personalidade xurídica á parroquia rural. 
Como non temos bandeira da nosa aldea nin da parroquia, deseñamos as nosas propostas que xustificamos de seguido.
A cor azul simboliza a pertenza á nosa Nación Galega e o idioma da nosa terra, o galego. Esta cor está na bandeira de Galiza.
A cor verde simboliza o verde do País Galego.
O branco simboliza a neve do inverno que esta varios días nos cumes das nosas serras.

Bandeira da parroquia

As tres cores tamén simbolizan:
a) as tres aldeas da parroquia: Abrairas, A Braña e Millares
b) os tres vales onde onde se asenta o territorio da nosa parroquia: O val onde están
as aldeas, o val de Freixido e o val da Marronda.

Tríscele
O tríscele é un símbolo da nosa cultura castrexa (século IX a.C. ata o século I d.C) e
celta. Galiza e a sétima Nación Celta. A prestixiosa BBC aínda facía unha reportaxe hai pouco tempo sobre a nosa Nación. http://www.bbc.com/travel/slideshow/20131203-where-is-the-seventh-celtic-nation

Bandeira de Millares
Non sabemos se en Millares houbo algún castro, pero o que si é certo é que estamos rodeados de castros. Estamos dentro do triángulo que forman os seguintes castros: o castro da Graña na parroquia de Montecubeiro, o de Castrelo na de Cubilledo e o de Río de Castro na de Fonteo.
A abelá simboliza o froito das Abrairas ou Abeleiras, porque o nome de Abrairas
significa, lugar onde se dan estes arbustos.
A pinga de auga azul simboliza a aldea da Braña, pois unha braña é un terreo moi
húmido.

Mapa das 7 nacións celtas

O millo verde simboliza a nosa aldea de Millares, é dicir, lugar onde se dá o millo
Panicum miliacium. Este era o millo miúdo que había antes de que viñera o millo
americano Zea mays. A primeira referencia do cultivo deste último en Galiza data de 1610, na zona do Barbanza.
Pero temos outras ideas máis para as bandeira tanto de Millares como da parroquia, aquí deixámosvos as mostras, cal gústavos máis?







Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...