23/09/2014

Expedientes de depuración

Coñécese como "Expedientes de depuración" ao proceso sancionador iniciado dende o golpe de Estado do 36 contra todos os funcionarios públicos, pero que tivo especial repercusión, por centrarse de forma obsesiva e desapiadada sobre todos os integrantes do corpo de maxisterio, afectando tanto ás escolas primarias coma ao ensino secundario e ás universidades.
O fin último do proceso depurador era a limpeza ideolóxica daqueles que tiñan unha visión política, de estrutura da sociedade, pensamento económico ou relixioso, distinto ou contrario ao do novo réxime que imperará na España nacional dende o ano 36.
A igrexa dende o primeiro momento verá no franquismo un apoio aos seus dereitos e intereses, estes, que a República viña poñendo en dúbida.


"Sorprendentes" as preguntas sobre se asistía a misa (tanto o mestre coma a súa familia) e se tiña ideas esquerdistas.

Nos lugares máis pequenos como as aldeas, o cura como cabeza visible da igrexa ten moita influencia sobre a súa comunidade, por ser o que marca as directrices da actitude cristiá correcta. É unha figura moi influente na sociedade católica rural, que por outra parte é doadamente manexable polo alto grao de analfabetismo e o férreo control da relixión sobre a vida do campesiño.
En canto ao mestre, a súa superioridade intelectual convertíao nunha figura de respecto sendo a súa opinión sobre diversas materias (política, sociedade, economía, mesmo moral e relixión), moi importantes para a maioría da poboación.
Non hai máis que ler o que dicía en relación aos mestres Jose María Pemán (primeiro presidente da Comisión de Cultura e Ensino da Xunta Técnica do Estado.

-Envelenadores da alma popular, primeiros e maiores responsables de todos os crimes e destrucións que arrepían ao mundo e sementaron de duelo á maioría dos fogares honrados de España.
Estes envelenadores da alma popular eran segundo Jose María Pemán:
-Os fillos espirituais de catedráticos e profesores que, a través de institucións como a Libre de Ensino, forxaron xeracións incrédulas e anárquicas.



Tras o golpe de estado, formúlase como prioridade fundamental a depuración de todo o funcionariado que fora sospeitoso de ser simpatizante do goberno da República.
Os mestres de escola foron perseguidos con saña por considerárselles responsables de inculcar na sociedade e sobre todo nas mentes xuvenís o virus republicano.
O fin último da depuración pretendía eliminar calquera resto da innovación pedagóxica iniciada no ano 1931.
En Baleira non faltou tampouco a represión contra os mestres, o máis coñecido foi Arximiro Rico, mestre en San Bernabé, que sufriu nas súas propias carnes a barbarie e a trangallada.
Nun próximo artigo falaremos sobre el, sobre a súa vida e o legado que deixou.



Expediente de depuración mestre de Teixeiro (Lugo, ano 37)

09/09/2014

A Pena da Palla


A Pena da Palla, que non Pena da Raia, como pon erroneamente a cartografía estatal (haberá que avisalos que no rebauticen o que xa ten nome dende hai séculos), é unha rocha situada aproximadamente nas coordenadas seguintes: 43º5´23,50´´N e 7º14´26,79´´W, a poucos metros do Monte da Cruz da Nena na nosa parroquia.
No seu cume ten uns 928 metros sobre o nivel do mar.
Administrativamente está nos montes das aldeas de Castrelo e A Espiña.



Dende ela vese unha bonita panorámica do val do Eo na parroquia de Cubilledo e na de Martín ata o concello da Fonsagrada.



Hoxe uces e toxos son os seus veciños, pero hai tempo puido ser a palla?
Algo terá que ver o seu nome.


Contáronnos unha historia real, que pasou hai moitos anos, posiblemente máis dun século, na que un veciño de Millares que era coxo ía cavar preto da pena para botar pan, e debido á súa situación para non ter que ir tódolos días á casa, tiña feita unha cabana nas inmediacións. Ata o século pasado toda esa zona chá botábase a cereal.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...