11 de maio de 2014

Os Maios

Antigamente en Millares tiñamos a festa ritual dos Maios. 
É unha das festas máis populares do ciclo anual que se revitalizou nos últimos tempos grazas á actividade de colexios, asociacións culturais, concellos, etc. Dende tempos ancestrais celébranse estas festas en homenaxe e agradecemento á terra e á natureza.


Cos froitos da natureza realízanse composicións florais e cántanse coplas que acompañan aos maios. Os maios inclúen elementos cristiáns, o que antes era pagán transfórmase en cristián. 
As deusas da natureza, Maia e Flora, convértense na Virxe María, figura á que se lle dedica todo o mes de maio. O día preferido para a celebración dos Maios é o primeiro de maio, ou tamén o día tres, para cristianizalo facéndoo coincidir coa festividade da Santa Cruz.


Hai dous tipos principais de Maios: os humanos e os figurados. Nos humanos é disfrazado un cativo con flores e follas. Son os máis antigos e auténticos. Os figurados, nos que se sustitúe a persoa por unha figura de diverso tipo (cónica, piramidal, etc). Dentro do maio métese un rapaz e outros tocan e cantan. As coplas que cantaban podían ser relixiosas ou non. Nalgúns tempos, como no franquismo incluso chegaron a ser censuradas algunha coplas críticas.

Señoras e señores
poñan atención
que imos falar
do señor gobernado:
non é alto nin é baixo
nin é malo, nin é bo
parece un reloxo parado
dentro da deputación.

Outra:
Santa Cruz de maio
que esperas aí
espero por Cristo
que veña por min.....


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...