26 de mar. de 2014

O Automóvil

Un dos primeiros coches que houbo en Millares foi un Seat 600 a mediados dos anos 1970. 
Aínda que hoxe en día o normal é que en cada casa haxa máis dun vehículo, a principios dos setenta era un obxecto moi pouco visto polas aldeas.


Coma noutras ocasións, os avances e o progreso á nosa aldea e a Galiza chegan moi tarde ou a medias, debido á falta de apoio dos gobernantes.
Examinemos moi por encima o que pasou ca industria do automóvil.
O primeiro vehículo a vapor inventouno o francés Nicolás Cugnot no ano 1769 e o alemán Karl Benz no ano 1886 patentou un automóvil con gasolina. Porén pasan moitos anos ata que na Galiza se montan vehículos.
Non é ata o ano 1924 cando se documenta a produción do primeiro vehículo na Galiza na empresa Barro en Viveiro, que carrozaba e montaba motores importados de Francia. Non fixo nunca un coche completo anque tiña capacidade para facelo.

Eduardo Barreiros construíu unha xigantesca industria relacionada coa automoción que daba emprego a máis de 25000 persoas.

No 1949 o galego Barreiros patenta o motor Barreiros 1 diésel. No 1954 constrúe dúas plantas de montaxe, unha en Ourense e outra en Villaverde (Madrid). 
Barreiros ten grandes contratos con Portugal e Inglaterra, pero o réxime franquista non apoia a Barreiros, axuda a Seat e Pegaso. 
Barreiros ten dificultades financieiras, e busca apoio  internacional no fabricante americano Chrysler. Os ianquis viron unha oportunidade en Barreiros que fabricaba uns camións estupendos. As continuas cambadelas dos americanos  obrígano a venderlles a fábrica (do 40% pasan ó 70% e logo no 1969 o resto).
A única industria de coches que hai hoxe en Galiza é Citroen en Vigo. Esta foi instalada por decisión dos franceses, non do goberno español, e empezou fabricando no 1958 unhas 400 furgonetas Azu.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...