10 de mar. de 2014

As doenzas

No século pasado os nosos veciños de Millares cando tiñan doenzas ían ó médico a Abrairas ou o Pividal, aldeas situadas a menos dun quilómetro. 
Por exemplo cando había que sacar unha moa, íase a estes especialistas e quitábancha sen anestesia e cunhas tenaces.
Non sabemos se en Millares houbo algunha vez algún médico exercendo.
Paralelamente á medicina oficial había veciñas e veciños chamados menciñeiros que eran a primeira opción para atender os males da saúde, tanto dos seres humanos como dos animais.  Había compoñedores con habilidade para manipular e “colocar” os músculos e os tendóns que saen fora do seu sitio. 



Os arresponsadores espantaban os lobos e outros males mediante a recitacion dun responso, de ahí o seu nome. O responso recítanllo a San Antonio, para que protexa o gando de todo mal. 
O mal de ollo, os males de aire, a caída da pa, problemas relacionados co  parto, algunhas doenzas infantís, problemas cutáneos coma as frieiras e as verrugas , etc. atendíanos con diferentes elementos físicos (herbas, augas, pedras, fregas,..) e determinadas habilidades (o uso da palabra curadora ou a apelación ao sobrenatural).
Tanto a medicina moderna como a popular teñen os seus rituais que forman parte do proceso curativo. A palabra ten unha grande eficacia terapéutica e forma parte de todas as prácticas curandeiras. Hai determinados xestos e accións que son parte esencial do ritual: tocar, palpar, soprar, cortar, cuspir, enterrar… A imposición de mans está presente na maioría dos rituais dos curandeiros. Na medicina oficial o fármaco é o obxecto impregnado de poder curativo.
Téñase en conta que a xeneralización da medicina oficial e o acceso universal da poboación aos servizos sanitarios é un feito ben recente.


Centro de saúde, Baleira.

Nos anos 1970 establecéronse as casas dos médicos nos concellos. O médico vivía na casa onde tiña a consulta. Polos anos 1980 fixéronse centros médicos e tiñamos médicos de garda todos os días do ano as 24 horas no Cádavo. 
Pero polo 2003 quedamos en Baleira sen gardas e asignáronnos os gobernantes o PAC do Corgo, cando queda ao revés de todo (chegamos antes a Castroverde ou a Lugo e cunha mellor estrada). Unha das razóns que esgrimían para asignarnos o Corgo era "os PAC emprázanse sempre no lugar de camiño cara ó hospital de referencia" cando é falso, pois ós de Millares e en xeral toda Baleira, ir ó  Corgo é facer quilómetros ao revés e por estradas peores.
No ano 2013 o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha un proxecto piloto de atención non presencial en atención primaria que xa nos afectou en Millares pois o centro de saúde de Baleira ofreceu aos pacientes a posibilidade de consultar por vía telefónica as súas doenzas.
Esperemos que non se vexa minguada a calidade das consultas sanitarias, porque as consultas presenciais son imprescindibles. Outro recorte?

1 comentario:

Anónimo dixo...

Ides de mal en peor, quedástedes cun só médico para todo o concello. E só tedes médico polas mañás. E se ten que ir aos domicilios xa non hai quen atenda. E o sábado e o domingo nada. En canto á residencia de maiores cando abra xa non vai ter clientela. Xa a ían facer polo ano 2011. Tódolos anos na festa anual dos maiores sempre coa mesma publicidade, e imos no 2019 e non está aberta a residencia.............................Mexan por nós e dicimos que chove!!!!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...