12/02/2014

A liña


Expresións usadas en Millares como "pasou a liña, xa son as tres" ou "imos na liña a Lugo" poden estar en risco de desaparecer, pois cada vez viaxa menos xente no coche da liña debido a que a poboación diminúe e ó uso masivo de coches. 
O que pasa por Millares fai a ruta Fonteo, Martín, Rioxoán, Mosteiro e finalmente Lugo.  
Pasaba tres veces ao día, ás sete da mañá, ás tres  e ás oito da tarde de luns a venres. Houbo tempos nos que incluso funcionaba os sábados. 
Nos últimos anos, os horarios e frecuencias reducíronse pola falta de viaxeiros. 

Tamén os domingos podiamos ir á feira de Castroverde ou á de Meira segundo tocara. Antigamente ía tanta xente á feira que a veces tiñan que ir dous coches de liña, e na baca o cargamento avultaba tanto coma o vehículo.  
Hoxe  viaxar de Millares a Lugo son uns 35 minutos en coche. Na liña unha hora e media. 
Non sabemos se no século XIX e XX pasaban dilixencias pola nosa aldea. Noutras zonas de Galiza os coches de cabalos ían polo camiño real. 
Sabemos que en Millares había casas que poderían ser pousadas ou mesóns onde paraban os arrieiros que transportaban mercancías duns lugares a outros en animais de carga. 
No 1906 está documentada a primeira compañía galega de autobuses. Descoñecemos o ano en que pasou o primeiro coche de liña pola nosa zona.
E non facía falta ter reloxo, pois cando pasaba pola estrada xa se sabía que hora era.


1 comentario:

Anónimo dixo...

eses camións non eran nada cómodos pero era o que tiñamos. Que tempos!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...