11/01/2014

Gando ovino



Hoxe case non hai ovellas en Millares pero tiveron moita importancia en tempos pasados incluso houbo tratantes. 
Nalgunhas aldeas hai explotacións que ó vender as vacas mercan algunha ovella como entretemento. 
A carne dos años é apreciada, e a la tivo grande valor. Polo mes de maio rapábanse os animais e da la facíanse medias, xerseis, mantas e outras prendas ou metíase de recheo nos xergóns e nas almofadas. 
Non se poden rapar moi cedo porque se viraba o tempo podían morrer axeadas no monte. Un dito di: anque teñas mil non rapes en abril, rapa en maio e terás bo rabaño. Isto loxicamente é moi variable e ás veces vai mellor tempo en abril que no maio.




Hoxe téñense na corte se vai mal tempo e pacen na aira ou nas cortiñas, pero antigamente ían ó monte. Aquendábanse cada dúas ovellas un día, e cando volvían á aldea xebrábanse. 
A maioría das veces levábanse para a serra da Bouza porque había máis campas, xa que hai máis fontes. A veces o lobo aparecía e mataba algunha. Na outra serra da parroquia tamén estaban cando se cavaba e había pallares.
A diferenza da vaca, a ovella non acouga na corte e cando o alimento era escaso a xente víase na obriga de sacalas aínda que houbese nevaradas. 
Outra diferenza coas vacas é que no verán mentres as vacas moscaban, as ovellas pola contra xuntábanse nunha moa e non querían andar.
Os carneiros poden ser agresivos coa xente. Os que non posúen cornos chámanse monos.



Refraneiro:
Ovellas tolas, detrás dunha van todas.
Ó que se fai ovella, cómeno os lobos.
A abella e a ovella en abril deixan a pelexa.
Á ovella mansa, moitos años a maman.
Ano de abellas, ano de ovellas.
Ben parva é a ovella que co lobo se confesa.
Ben vai a ovella coxa, coma o lobo non a colla.
Cando no ceo hai ovellas logo pingan as tellas.
Ovella de moitos, cómena os lobos.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

É unha pena, cada vez vense menos ovellas nos prados, dá medo pensar que nunhas décadas a Galiza rural desaparecerá, todo se converterá nun ermo onde as silvas camparán ás súas anchas.
Todos amamos a aldea, pero ímonos vivir á cidade, que pena de país.

Xacobo dixo...

Canto pacerían hoxe en día nos montes os rabaños, ademáis de producir carne de moi boa calidade, estarían os montes limpos e non habería tanto risco de propagación dos lumes.

galego avergonzado dixo...

O problema é que á maioría de galegos nacionalistas nos pasa o mesmo, inchámonos orgullosos dicindo que somos de aldea, pero nos imos vivir á cidade
Non queremos a aldea nin para nós nin para os nosos fillos, a non ser que sexa para ir a recoller os froitos, patacas ou matanza.
E iso que hoxe en día é factible vivir na aldea e traballar na cidade pero só somos galegos para o que nos interesa

galego avergonzado dixo...

Por outro lado debo dicir que levo toda a mañá enredando no blog, vantaxes de ser pensionista, e gústame moito o traballo que faceis, son dunha aldea moito máis pequena que a vosa do concello de Meira aínda que levo mais de 50 anos en Lugo

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...