28/01/2014

Apelidos


Máis do 95% da poboación galega é de orixes galegas, con apelidos galegos en moitos casos alterados.
É moi posible perder noticia da forma orixinaria dun apelido galego, por exemplo na nosa aldea, hai familias apelidadas Dorado, que son coñecidas polos seus veciños como "os de Dourado", pero o deterioro de documentos antigos onde está escrito o apelido na forma lexítima galega "Dourado" e a morte paulatina dos veciños de máis idade, pode facer desaparecer o apelido tradicional galego.
Podemos corrixir os nosos apelidos deturpados para transmitilos ás xeracións futuras na forma orixinal galega.
A lexislación actual permítenos agora recuperar as formas auténticas e autóctonas dos nosos apelidos e dos nosos nomes de pía.
Mais información en:
https://www.usc.es/gl/servizos/snl/dinamizacion/galeguiza2.html
Desde o século XV moitos apelidos galegos foron castelanizados á forza pola ansia uniformizadora do reino de Castela cando acabou co poder político e administrativo do Reino de Galiza.  
A igrexa galega foi substituída nos máis altos cargos por xente castelá-falante e pasa a depender das congregacións de Castela e Valladolid, que non teñen en conta a lingua maioritaria dos fregueses. 
Nos rexistros parroquiais castelanizan os apelidos e os nomes. Ata o século XV a documentación feita por escribáns (testamentos, foros, compa-vendas, etc.) é case exclusivamente en lingua galega. 
Pero a partir do século XVI debido a unha normativa dos reis de Castela, fan que a lingua notarial sexa exclusivamente a castelá. Por eso vemos nos documentos antigos nomes e apelidos galegos castelanizados.
Este afán desgaleguizador foi brutal a partir da instauración dos rexistros civís a comezos do século XIX.
A continuación mostramos unha relación dos apelidos que temos constancia que houbo ou hai en Millares nos últimos tempos:






ABELLEIRA, ABRAIRAS, ACAL, AENLLE, ÁLVAREZ, ANDIÓN, ARIAS, BARREIRO, BOLAÑO, BOUDÓN, BRAÑAS, CANDO, CARBALLEDO, CARBALLEIRA, CASTEDO, CASTRO, CEDRÓN, CHAÍN, CHANTRES, CORTÓN, COUSO, DÍAZ, DOURADO, EIROS, FERNÁNDEZ, FERREIRO, FORNEAS, FREIRE, FREIXE, GAIOSO, GALLEGO, GÓMEZ, GONZÁLEZ, GRAÑA, HORTA, IGREXAS, LAMELA, LAVANDEIRA, LENZA, LÓPEZ, LOURENZO, LÚA, MENÁN, MILLARES, MON,  MOSTEIRO, MOURISCO, MUIÑA, MURIAS, NEIRA, OUTEIRO, OXEA, PALMEIRO, PARDO, PENA, PENELAS, PEREIRA, PÉREZ, PIN, PIÑEIRO, PORTEIRO, PORTELA, PRADEDA, QUEIZÁN, QUINTAS, REGO, RIBEIRA, RICO, RIVEIRO, RODRÍGUEZ, SAL, SANCHEZ, SAN MIGUEL, SARCEDA, SEOANE, TEIXEIRO, TELLA, TELLADO, TORNEIRO, TRABADA, VAL, VALDEIGLESIA, VALDEIREXE, VALÍN, VALIÑO, VEIGA, VILAMIDE.

2 comentarios:

apelido dixo...

Tedes variedade de apelidos na vosa aldea: a)PATRONÍMICOS como González (fillo de Gonzalo, de Gundisalvus, nome xermánico frecuente en Galiza a partir do século X), Pérez(fillo de Pero nome medieval de Pedro), b) DE PROFESIÓN como Ferreiro (do latín ferrarius derivado de ferrum, -i, "ferro". Persoa que traballa o ferro), Freire (do provenzal fraire, "monxe, frade", membro dunha orde relixiosa), c)TOPONÍMICOS como Pin (do céltico "penn" e do latín "pinna", pedra que sobresae no terreo), Valdeirexe (de vallis eclesiae, "chaira de terra entre montes ou alturas", e "edificio consagrada ao culto cristián", Veiga (do prerromano baika, "terreo sempre húmido, chan e fértil, terreo que baixa cara o río") e d) ALCUMES como Dourado (do latín daureatu, “da cor do ouro ou semellante a el, feliz”. O primeiro elemento, dur-, forma parte do nome da Gallaecia prerromana Durbedicus, unha divindade relacionada coa auga)ou Trabada ("persoa cunha ferida ou mordedura" ou tamén "persoa robusta, forte, vigorosa").

por.millares dixo...

Moitas grazas pola explicación, é moi interesante coñecer de onde veñen os apelidos da nosa aldea, e é certo que en Millares hai unha gran variedade de apelidos.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...