11 de dec. de 2013

Escolas de ferrado

Dende 1857 ata ben entrado o século XX, o ensino primario, foi deficitario nas zonas rurais pola pouca atención e escasas posibilidades do Estado.
A Lei Moyano, determinaba que en cada pobo de 500 habitantes, habería dúas escolas públicas elementais, unha de nenos e outra, aínda que incompleta, de nenas.
Pois ben, en 1908 non existía máis que 1,4 escolas por cada 1000 habitantes.
Os contidos que se transmitían naquela escola eran pobres, con material didáctico escaso e en mal estado.
As linguas autóctonas non se utilizaban, por considerarse idiomas incultos, amén do férreo centralismo de entón, e por se iso fose pouco, en 1924 durante a ditadura de Primo de Rivera, os contidos educativos e o persoal docente, foron sometidos a un estreito control ideolóxico, que se reactivou nos primeiros anos do franquismo, nos que foron depurados e/ou perseguidos numerosos profesores, que se substituíron por mestras formadas nas escolas normais.
Se a isto lle sumamos, o desleixo institucional cara a determinadas zonas do país, encontrámonos co caso da Galiza rural, miles de aldeas nas que miles de nenos e nenas non podían acceder á educación, aí é onde se fan imprescindibles as chamadas escolas de ferrado.
Chamábanse así, as escolas que eran sostidas polos labregos, normalmente
 o pagamento do ensino facíase en especie: un ferrado de centeo, de trigo ou millo por alumno e ano.
Ademais da cantidade estipulada, fose en especie ou en metálico, o escolante tiña dereito, polo menos cando se tiña que desprazar, a unha cama para durmir e á comida, ben fose sempre na casa dun veciño ou sucesivamente nas de todos os contratantes.
Funcionaban nos meses de inverno, xa que durante o resto do ano había demasiado traballo que facer no campo e tanto o mestre coma os nenos eran necesarios para axudar nos labores.



Escola pública de Millares na que aínda se conserva o escudo oficial.


No ano 1876 había no concello de Baleira, 22 escolas desta natureza, das que 17 eran de tempada e as outras 5 ambulantes, ou sexa que non tiñan un local fixo, senón que os mestres daban clase indistintamente na casa dun ou outro veciño. Alí ensinábaselles principalmente, a ler, escribir, matemáticas básicas e o catecismo.
As persoas encargadas do ensino, os chamados escolantes, adoitaban ser mestres sen titulo, que malia os seus poucos medios e ás veces limitada formación realizaban un labor marabilloso e valioso, contribuíndo a facer posible a difusión entre as clases máis humildes, da escritura e da lectura.
Nun primeiro momento, para a aprendizaxe da lectura, non se usaban libros senón outros artigos dispoñibles ou elaborados polo mestre, tales como encerados de lousa e táboas do mesmo material e as chamadas "cartas", que eran manuscritos onde figuraban dende letras e silabas, ata palabras e textos máis ou menos longos.
Tamén se usaban documentos persoais dos alumnos, como cartas propias das casas, permutas, compravendas, testamentos....
En Millares, como no resto de aldeas da zona, tamén existiu a figura do escolante, un deles foi o Sr. José María Gómez Lombardero que deu clase en Millares e A Braña durante varios invernos, antes e despois da guerra civil española.
Tamén sabemos, que na década de 1920, deu clases en Millares, unha mestra orixinaria de Andalucia, o seu nome quedou no esquecemento, ao igual que o de tantos outros mestres que intentaron levar un pouco de luz ás vidas das xentes das aldeas, con medios case inexistentes, pero co afán de ensinar o pouco que eles sabían.
Nunca se lles recoñecerá suficientemente o impagable labor que desenvolveron.




Nunha paxina do libro, Escolantes e escolas de ferrado, do catedrático Narciso de Miguel, (Cádavo, Lugo, 1955), recóllese unha fotografía de tres escolantes, que hoxe son historia; O da esquerda, o xa citado José María Gómez Lombardero, deu clases no Val durante oito ou dez anos, oito ou dez invernos de clases intensivas.
Era o que había entón, e peor foi noutros lugares, que nin escolas privadas tiveron!.
No centro o seu fillo, Gómez Vilabella; e á dereita, outro escolante José Manuel Miranda Fernández, que ensinou na parte de Adai, e posteriormente foi mestre substituto do titular nas escolas públicas de Pombal e Sarceda, en Montecubeiro.




O señor José María de Gómez, que era como se lle coñecía, tamén redactou e dirixiu algunhas "corridas" ou "sentenzas do galo", celebradas por aqueles anos nesta zona, espectáculo carnavalesco e satírico no que se condenaba a un galo por certos vicios habituais entón, entre eles un considerable machismo.
Seu fillo, Xosé María Gómez Vilabella, escritor, autor das obras "Historias intra da bisbarra", "Aqueles mestres", "De mámoas e talaiots", "A Mestra das saias longas", entre outras moitas, zoqueiro, mestre, investigador..., poderiamos seguir enumerando as súas obras, oficios e inquietudes durante horas, puxo tamén escola en Librán nas casas de Dominguez e do Pequeno, no inverno de 1947/48.
Montecubeiro destacou na nosa bisbarra cos seus mestres de "aferrado", debido ao efecto cultural que traían do seu convento de frades dominicanos.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...