30/09/2013

O outono

Tempo de cambios, antesala do inverno, o outono transforma a paisaxe e tamén o noso animo, a nova estación evoca melancolia, que non se pode confundir coa tristura, chega o frio e as chuvias, os días acúrtanse e as noites fanse eternas.

A néboa deslízase pola aba da serra do Miradoiro, ocultando baixo o seu manto as casas e prados, e dende Millares, adivíñase Abrairas, escondida entre os retallos de néboa, custodiada por eses fantasmais muíños eólicos, que co seu ruído enxordecedor, rompen a tranquilidade dos veciños e dos animais, sen que ninguén saiba con certeza, que gañaron os habitantes da zona con eles, horribles monstros de ferro.
Progreso chámano....



Vai chegando o tempo de ir soutar, de recoller a humilde castaña, hoxe fortemente deostada, que se podrece nos camiños, ninguneada dende a chegada da pataca, pero que durante séculos foi a base da alimentación en tantas zonas humildes deste país, canta fame quitou!


En poucas semanas, os porcos, ata agora mimados e convertidos en reis das cortes, van ter que pagar por todos os luxos gozados, achégase a hora da verdade, a boa vida é cara....y  pagarana de sobra.



Tamén se achega o día de defuntos, día no cal vestimos os nosos cemiterios con flores e visitamos os nosos defuntos, facémolos protagonistas por un día, pero coa espiña cravada, de que por moito que o intentemos, e por moitos bens que amasemos, tampouco nos libraremos de ser os protagonistas dese día.

1 comentario:

Guillermo dixo...

Encantoume o dos porcos, a boa vida é cara e agora hai que pagala, moi bo.
Seguide así, ides moi ben.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...