24/06/2013

De camiño a estrada

1-Camiño castela, ano 1844
2- Camiño frances, foro 1643

O camiño, hoxe estrada, que cruza Millares de norte a sur, é unha ruta de comunicación dende hai varios séculos.
Nun foro do ano 1643 chamábanlle "Camiño francés", mentres que nun documento do ano 1844 "Camiño de Castela".

A "estrada de terceira orde" de terra, debeuse construír polos anos 1920-1930. Parece que os traballos foron lentos pois en 1915 publican a ocupación de terreos, os planos son do ano 1923 e o pagamento no 1930.

Noutro acondicionamento posterior sobre os anos 1960-70 sería asfaltada.
A última gran reforma foi proxectada aproximadamente no ano 2005. No proxecto había varias posibilidades de trazado. Unha delas consistía en sacar a estrada do pobo bordeándoo. Ao final, posiblemente por ser máis custoso decidiron ampliar a vella estrada. As obras duraron máis ou menos do 2007 ao 2009.
Expediente de expropiación forzosa, 1930

10/06/2013

Teléfono

Con este artigo comezamos unha serie onde intentaremos coñecer cando empezamos a usar en Millares determinados inventos (teléfono, luz eléctrica, radio, televisión, etc). 
Hoxe toca o teléfono.
No 1860, o italiano Antonio Meucci, demostra e publica a invención do teléfono.
No Estado español, a primeira conversación telefónica estableceuse o 30 de decembro de 1877 en Barcelona, entre Monjuich e Ciudadela.

Ata o 1882 todas as instalacións de teléfono son experimentos aillados ou instalacións particulares que unen os distintos aparatos diretamente mediante un par de fíos.
O goberno de Sagasta tramita un decreto o 16 de agosto de 1882 para conceder a particulares e empresas o establecemento de redes telefónicas con destino ó servizo público.
No ano 1883 ponse en marcha a primeira rede telefónica oficial para comunicar os principais departamentos do goberno estatal.
No ano 1981 o goberno no decreto 1218, sobre extensión do servizo público telefónico no medio rural, no seu artigo primeiro establece un plan de extensión dos teléfonos públicos no Estado, que ten como obxectivo a instalación deles nos núcleos rurais con poboación igual ou superior a 50 habitantes e que non tiveran servizo telefónico. 
En Millares estabamos sen teléfono e a poboación de dereito no ano 1981 era de 72 e a de feito de 65.
  1. Tería sido un bo sitio para unha cabina de teléfono, non?
Posteriormente, nos primeiros anos da década de 1990 instalaron o teléfono público no noso pobo. Pasaron máis de 130 anos dende que o inventara Meucci.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...