27/05/2013

Carlismo

Sufrimos o carlismo en Millares? Os nosos veciños téñennos contado que nesa época os nosos antepasados fixeran zulos ou covas próximos ó pobo para esconder alimentos e utensilios dos saqueos.
X. R. Barreiro conta que “a pesar do apoio explícito do clero (máis de cincuenta clérigos morreron coas armas na man ou foron fusilados), dun sector importante da fidalguía e dos empregados da administración señorial, o carlismo fracasou en Galicia pola falla de apoio popular”.
A actividade guerrilleira dos carlistas foi moi localizada, nunca conseguiron liberar ningunha zona do país. Os fracasos parece que teñen que ver ca súa táctica militar seguida e polo mínimo apoio popular. Nos seus manifestos sempre aludían á defensa da dinastía carlista e o integrismo relixioso.



Houbo tres guerras carlistas: 1833-1840, 1847-1848 e 1872-1875. 
A continuación expoñemos as faccións carlistas das que temos datos, que actuaron na zona (Castroverde, Burón) e puideron “pasar” por Millares.
Primeira guerra: 1833-1840
En 1834 hai unha facción operando en Castroverde formada por 15 homes. Na zona de Burón operaron tres partidas a partir do ano 1834. O líder dunha delas alcumado “O evanxelista” ou “Mosteiro” porque era natural de Mosteiro, foi asasinado no 1838 perto da Fonsagrada polos soldados dunha patrulla. A facción de “O Coxo” ou “señorito do Bullán” morreu nunha acción militar en 1837. Por último, a facción do “Pena” caracterizábase por cortarlles as orellas ós sospeitosos de espías.
Segunda guerra: 1847-1848
Nos primeiros días de xaneiro de 1847 fórmanse na zona de Burón pequenos grupos carlistas, formados por carlistas indultados na guerra anterior e que recrutaban xente. Ofrecían 300 reais na zona da Fonsagrada polo enganche na facción e un salario diario de 6 reais, máis a comida (en Santiago ofrecían tamén 6 reais).
En febreiro aparece unha facción ó mando de Monasterio e Bermúdez, que prácticamente non tivo repercusión porque os xefes foron capturados en marzo.
Terceira guerra: 1872-1875
O dous de agosto de 1873 unha partida carlista apodérase en Castroverde de 1.000 pesetas e 260 quilos de tabaco ó grito de “viva Carlos VII e Pío IX”.
O que fora párroco de Seixosmil, frei Gregorio, forma unha facción que constituíu unha partida caracterizada por unha extraordinaria mobilidade. Foi unha das primeiras que se levantou en 1873 e chegou a ter 100 homes. O 20 de setembro de 1873 ataca Castroverde e subtrae 10.000 reais, con el estaba Manuel Osorio, xefe doutra facción, unha das máis importantes do carlismo galego.

14/05/2013

Veciños da parroquia

PORTAL DE ARQUIVOS ESPAÑOIS, PARES, información pública.
Xulgado de Arribadas e Alzadas de Cádiz (España), Ano de 1796.
Expediente de información e licenza de pasaxeiro a Indias de Mª Vicenta Villar, veciña de Sanlucar de Barrameda, muller de Francisco de Sales, coa súa filla pequena, e o seu criado José Pardo Escobar, de 23 anos de idade, solteiro, natural de San Miguel da Braña, xurisdición de Neira de Rey, bispado de Lugo, a Veracruz (Mejico), na fragata La Gallega.







Veracruz                             Fragata La Gallega
Selo cuarto, corenta marabedís, ano 1796.
A Dona Mª Vicenta Villar, veciña da cidade de Sanlúcar de Barrameda, concedeu o consello, licencia para que poida pasar á compañía do seu marido Don Francisco de Sales París, que se acha servindo a alcaldía maior de Ouezepeque na Nova España, embarcando en calquera navío de bandeira de Su Majestad que saír dese porto para o de Veracruz ou A Habana, cunha filla de sete anos, un criado e unha criada, o que participo a vostede co fin de que non se lle poña embarazo no seu embarco, con tal de que antes de executalo, os referidos criados, fagan constar non ser casados, e se o fosen, que cumpran coa lei levando precisamente aos seus consortes, e que por información recibida ante a xustiza da súa terra, cos sinais das súas persoas, xustifiquen non ser dos que teñen prohibición para pasar aos reinos das indias, facendo así eles como a Dona María, o xuramento afeito de que non intervirán, consentirán nin disimularán cousa ningunha en canto á pasaxe a aqueles dominios, das persoas chamadas polisóns ou chovidos, que son os que van sen licenza nin oficio, se non que o participarán ao comandante a xefe do navío, a quen corresponda para que non se poidan ocultar, segundo o resolto neste particular, Deus guie a vostede.
Madrid a 3 de febreiro de 1796.
Cadiz 27 de abril de 1796:
Feito o xuramento de polizontes a interesada nesta carta, expídaselle pola comisaria interna a correspondente licenza para que coa súa filla Dona Mª del Carmen e o seu criado José Pardo Escobar, de idade de 23 anos, solteiro, natural de San Miguel de la Braña, xurisdición de Neira del Rey, na provincia de Lugo, se embarque na fragata La Gallega que fai viaxe a Veracruz en intelixencia de que non leva á criada, e se lle concede.
Presidente xuíz de alzadas e arribadas de Cadiz.
O 27 de abril de 1796, expediuse a correspondente licenza de embarque nos termos que prevén o documento anterior.

01/05/2013

Autodeterminación

Outro tema de actualidade que nos afecta na Galiza e a autodeterminación. 
Na vixente constitución española de 1978 excluíuse o dereito de autodeterminación, no artigo 2 di “a constitución fundaméntase na indisoluble unidade da nación española, patria común e indivisible de todos os españois”. 
Por se fora pouco, outro artigo constitucional ameaza que será o exército español o garante de tal unidade de España. A ninguén se lle escapa que a identidade galega transcende a actual ocupación do estado español, e que por encima de séculos de intentar por tódolos medios a súa desnacionalización, Galiza permanece viva no século XXI e reclamando o lugar que lle corresponde nunha nova Europa. 


Os galegos conservamos a nosa idiosincrasia particular por encima de todos os avatares da nosa historia. Galiza mantivo ó longo do tempo uns trazos de identidade sobre os que se foi desenvolvendo ata chegar á actualidade. A lingua galega, é un dos factores mais importantes do sentimento nacional galego por selo idioma soporte do pensamento e sobre o que se desenvolve a forma de ver e entendelo mundo. Por medio do idioma as galegas e galegos mantivemos a nosa cultura ó longo da historia, ademais dunha mentalidade diferenciada dos españois, por exemplo, no falar: botei patacas do país, xantamos pan do país, etc). É un feito constatado que chega á actualidade que sempre que se intentou disolver Galiza, atacouse ó idioma galego. Á nación que se lle priva da súa lingua altéraselle a mentalidade.
Se un galego non fala galego (polo motivo que sexa: inercia noutra lingua, preguiza, prexuízo, etc) pero tampouco respecta a quen o fala, nin defende o xusto equilibrio e normalización de usos entre as linguas oficiais, nin quere que os seus fillos falen ben tamén o galego, menospreza a quen usa o galego e non toma partido pola lingua do país desfavorecida e asoballada (xustiza, sanidade, etc) segue sendo un galego, pero un galego renegado que padece a síndrome de Michael Jackson, o negro que non quería ser negro, que renegaba dos seus, que quería ser branco e derivou nun triste androide.


O castelán chega a Galiza imposto polos cargos públicos casteláns (bispos, abades, notarios, militares,etc), cando os postos dirixentes en Galiza foron ocupados por persoas de fóra, unha minoría elitista e urbana que nunca pasou do 3% da poboación e que sempre renegou de Galiza. Entre cargos foráneos e galegos castelanizados non chegaban ó 10% da poboación hai menos de 100 anos. Estas clases dirixentes foráneas sempre foron unha minoría postiza. O castelán, orixinario de Castela, impúxose por presións na nosa terra, non polo desexo de que así fose. Ningún cambia de lingua na súa terra por gusto nin por comodidade, senón por circunstancias coercitivas. O partido político que goberna Galiza actualmente toma medidas, como xa dixemos noutro artigo deste blog, en contra do noso idioma galego. Fíxosenos moito dano e séguesenos perseguindo na nosa propia terra. 
Dous exemplos da ditadura: no 1955 nunha folla distribuída por toda Galiza dicíase “hable bien, sea patriota, no sea bárbaro. Es de cumplido caballero que usted hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino”. 
No 1967 Manuel Fraga ministro franquista ameaza con pechar un xornal en Galiza se lle outorgan un premio a un artigo escrito en galego. O director do xornal, foi multado con 50.000 pesetas da época.

Se usas o castelán non estás marcado, se usas o galego estás marcado por unha chea de prexuízos aínda existentes; ou esquerdista, ou cultureta, ou rural, ou pailán, ou inculto, etc. Aínda é moi difícil usar libremente o galego ou acceder libremente a el en diversos eidos sociais; xustiza, administración estatal e autonómica, medios de comunicación, mundo laboral, etc. Queremos a nosa lingua como queremos ós nosos pais ou ós nosos fillos; porque son nosos; e abonda.
Mentres todos os cidadáns non sexan libres para usar a lingua da súa preferencia en igualdade de condicións, non haberá cohesión social posible.
Galiza ten un dereito fundamental que é ser dona absoluta de si mesma. É necesario poder gobernarnos nós mesmos, democráticamente sen dependencias alleas. Hai que romper as cadeas da globalización, para poñer a sociedade por riba dos mercados.
Os democratas españois non poden negarnos ó pobo galego a existencia do dereito de autodeterminación. Pois se ó pobo galego se nos impide decidir sobre si mesmo, as relacións constitucionais non están basadas na liberdade e no respeto mutuo entre os pobos, se non na imposición.
O dereito de autodeterminación é o que corresponde a todo pobo para optar a permanecer nun Estado concreto ou ben, formar un diferente, e ten que ser competencia exclusiva das cidadás e cidadáns de Galiza.
No 1945 a Carta das Nacións Unidas recolle entre os seus fins “desenvolver relacións amistosas entre as nacións, fundadas no respeto do principio da igualdade de dereitos dos pobos e do seu dereito a dispor de si mesmos”.
A creación de novos estados é unha realidade, en Europa creáronse 16 novos estados en dúas décadas. Todos estes estados progresan e ningún deles se arrepinte de acadar a independencia. En Galiza necesitamos reducir os niveis administrativos, costosísimos e ineficientes: os custes do goberno central, as deputacións e as delegacións do goberno central hai que eliminalas.  Tamen necesitamos un poder xudicial propio e que a última instancia sexa un Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. 
En definitiva recoñecer, a posibilidade de modificar o marco da relación con España sempre que os cidadáns galegos mostremos unha vontade clara, é dicir, establecer libremente a nosa condición política prevendo así mesmo o noso desenvolvemento económico, social e cultural para poñer fin ó colonialismo, subxugación, dominación e explotación extranxeira.
Os galegos, vascos e cataláns, estamos no noso dereito de abandonar o Estado español, no que nos meteron contra a nosa vontade, fai máis de 500 anos, violando os máis elementais dereitos humanos, humillación e espólio.
A Constitución non é a biblia, e anque o fora, todo o mundo non cré en Deus e non por eso deixan de ser humanos e pertencer a un pobo.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...