18 de abr. de 2013

Século VIII, musulmáns en Millares?

Estiveron os musulmáns en Millares instalados ou de paso? É improbable**. 
A presencia musulmá en Galiza foi irrelevante, e o conxunto do país non chegou ser ocupado. Probablemente chegaron no ano 716 a algunha zona galega, pero xa no ano 740 os islámicos abandonárona. 


Tan brevísima presencia, restrinxida seguramente ás áreas limítrofes non deixou ningún tipo de pegada. O que si houbo, foi expedicións militares procedentes de Córdoba que tiñan por finalidade o saqueo e a submisión vasalática. Posiblemente unha expedición acadase eventualmente Lugo, nunha acción puntual militar. 
En canto ó suposto asentamento bérber limitaríase ás extremas dos antigos conventos bracarense e asturicense. En todo caso Galiza non foi incorporada ó califato cordobés, de maneira que na Península había dous espazos políticos: España (denominación asignada á parte musulmá) e Galiza (o territorio cristián do noroeste abarcando o espazo da tradicional provincia romana de Gallaecia e do reino suevo). 
Así é como denominan as crónicas árabes, norteeuropeas e documentos cristiáns da época (Jalikiah, Galizuland, Gallicea, Gallaecia).


Vida campesiña no século VIII

Polo tanto en Galiza non existiu o que a historia tradicional medieval insistía de “reconquista e repoboación” porque non houbo invasión. Idealizouse e construíuse unha artificiosa historia interesada e romántica polo poder centralista español.
A documentación existente para nada permite asegurar o inicio de ningunha empresa (nin reconquistadora nin doutro tipo) en Asturias, o que alí sitúa a tradición poderíase localizar noutros lugares e conviría pasar por alto todo o inventado a partir dela.

**Una vella tradición asegura que Alfonso II o Casto
enfrontouse aquí a un exército islámico no próximo Campo dá
Matanza. O certo é que o monarca astur pasaría por estas terras,
camiño de Compostela, entre 820 e 830, período probable do
descubrimento do sepulcro de Santiago.

4 de abr. de 2013

As segas en Castela


Como consecuencia da mala situación económica galega no século XIX, a moitos galegos, non lles quedou máis remedio, durante uns meses ao ano, que cambiar de profesión, pasar de agricultor, a xornaleiro do campo de Castela.
Situación que xa deixou reflectida, en toda a súa crueza, Rosalia de Castro no seu poema "Casteláns de Castela".
Castellanos de Castilla
tratades  ben a ós galegos,
cando van, van como rosas,
cando ven, ven como negros.
Cando foi, iba sorrindo,
cando veu, viña morrendo.
A Luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito....


Antes da mecanización das operacións agrarias, ata o século XX aproximadamente, veciños de Millares foron á sega a bisbarras agrarias de Castela, tamén ían á vendima, para gañar algo de diñeiro co que tapar algún burato, que podía ser para pagar o imposto da contribución ou outras cousas, a fortuna que recollían era pequena para o esforzo realizado.
Chegado o mes de xuño, ían andando baixo a guía de maioral, que era o que sabía do lugar de traballo.
En virtude de noticias recibidas das zonas agrarias, o maioral chamaba os que formaran a súa cuadrilla o ano anterior.
**Por exemplo un veciño nosoBenito Trabada sacou pasaporte no século XIX para traballar na Rioja durante 6 meses.




**En 17 deste deulle pasaporte de gratis para a Rioja aos labores materiais do campo e...... de 6 meses a Benito Trabada solteiro da Braña, afiánzalle o seu pai José de quen é fillo e Rosa dá Pereira, idade 20, o citado, curto pelo e ollos negros, nariz regular, barba pelada, cara cor ben, asina a fianza. José Trabada.

A idade dos diferentes traballadores era máis ou menos a seguinte: de 18 a 45 para os segadores, de 14 a 16 para os atadores e de 16 a 18 para os servidores.
A viaxe cara ao destino facíase a pé en xornadas sucesivas, levando algúns cabalarías onde transportaban roupas e algúns artigos de alimentación. As cuadrillas compoñíanse do maioral que era o xefe e podían ser de sete persoas: 4 segadores de fouce, dous atadoresdos mangados e un servidor para o carrexo das comidas e auga dende a casa do patrón ás terras de traballo, este tamén traballaba, segaba e ataba nos intermedios. O maioral era o que axustaba cada prezo, podía ser a seco ou a mantido. O traballo ao aire libre era duro, o que máis sufrían eran insolacións, dada a elevada temperatura que tiñan que soportar e o duro do traballo a pleno sol e en plena canícula.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...