03/03/2013

A pedreira

Exemplo cantería en Millares
As edificacións de pedra que hai en Millares foron construídas case na súa totalidade, con material procedente de pedreiras da parroquia.  A máis próxima ó pobo está na Manguela, da que se arrancou a pedra das últimas obras feitas en Millares con este material alá polos anos 1960. 
Pedreira da  Manguela
Nos últimos tempos para rachar a pedra, sustituíronse as cuñas e as marras (de 6 a 8 quilos), pola pólvora artesanal, feita con xofre que facía o lume, nitrato de potasa que lle daba a potencia e con feluxe de carbón vexetal que amalgamaba todo e daba lume.
A pedra racha mellor no verán que no inverno, máis unha vez cortada, hai que tratala pronto, porque o sol endurece a pedra e faina brava. 


Pedreira na Manguela
O proceso de traballo da pedra extraída tiña as seguintes fases:
-Desbastar; é o primeiro traballo, quitar nós, berrugóns e sobrantes.
-Picar e labrar; preparar as seis caras co pico e co escuadro.
-Pulir; alisar a pedra co cicel e co esmeril. Facíase pouco, só para casos concretos. Gustaba máis a vista da pedra rematada só con pico e por outro lado pulila saía máis caro.



O carrexo da pedra á obra facíase co carro das vacas e nos últimos tempos con tractores. Para cargar a pedra ó carro dábanse varias solucións: facíanse unhas rodeiras da fondura do eixe do carro á altura do chedeiro ó pé das pedras amoreadas quedando o carro a rentes do chan, ou se non había maneira de enterrar o carro, facíanse unhas ramplas de madeira sostidas en paus e desde elas subíanse as pedras ó carro.
Xugadas de vacas ou bois levaban o carro, pero os bois eran máis ásperos e bravos de dirixir.

A arquitectura que xurdía das cabezas dos canteiros era moito máis respectuosa ca que se fai hoxe en día, onde o que predomina non é precisamente o respecto ó contorno, ó hábitat, á tradición, ou ó material de arredor.
A estrutura xeral da vivenda do pasado era un edificio de dúas plantas. Na planta de abaixo á que se entraba pola porta carral daba acceso ó curral, ás cortes e a cociña. Na planta de arriba estaban os espazos para durmir e había un corredor ou solaina.


O mestre canteiro vía a estrutura da construción rematada na súa cabeza, non facía planos no senso dos estudos da arquitectura de hoxe. Non os facían porque non os necesitaba, e porque non se podían pagar. Cando chegou o momento no que os concellos comezaron a pedilos, os canteiros viron a obriga dos planos e as licenzas das obras coma unha maneira de cobrar e de chuchar no bolso por parte de concellos, etc.



Os canteiros non necesitaban quebrarse moito a cabeza porque desde aprendices, empapábanse  ó pé da obra de medidas, cantidades, colocación e posición de cada pedra… Era a escola da vida, era a universidade práctica.

1 comentario:

Breogán dixo...

Na provincia de Pontevedra había moitos canteiros e tiñan fama, teñen vido a facer obras por aquí. Incluso algún chegou a quedarse a vivir pola zona.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...