24 de mar. de 2013

Revolución Irmandiña

"Pode que neste momento, nalgún recanto de Galiza, estea a morrer un vello, que leva consigo á tumba, o eco afastado dunha lenda, ou dun caudal de palabras sonoras e expresivas, que xa ninguén dará a coñecer entre os vivos... " Ramón Outeiro Pedraio


Pasaría sen pena nin gloria a revolución Irmandiña do século XV por Millares?
Próximo ao noso pobo, ao sueste do Real de Sampaio, hai restos de paredes dun castelo, aproximadamente na latitude 43º4´11,97´´N e lonxitude 7º14´17,97´´W.
Existiría xa naquela época o castelo de Sampaio e sería destruído coa axuda dos habitantes de Millares? hoxe en día aínda chámaselle "Rego do Castelo" a un rego que pasa moi próximo ás ruínas.
A necesidade de dar resposta contundente aos abusos que os nobres realizaban dende as súas fortalezas, foi a causa principal da Revolución Irmandiña en Galiza, dende 1465 ata 1467, na que se atacaron e destruíron varias desas fortalezas.



Situación do castelo-fortaleza de Real de Sampaio
Varios grupos organizan e participan nas Irmandades, entre os que están os campesiños. Os Irmandiños fixéronse donos do país, mais en 1469 a aristocracia exiliada en Portugal e Castela, coa axuda destes reinos, reconquista militarmente Galiza e rematan coa Revolución. A nosa nación dende aquela, moverase ao compás marcado dende fóra en función dos intereses da aristocracia española, que ten en Castela o seu centro de decisión.
Os nobres galegos quedaron debilitados pola guerra, e a belixerancia de gran parte deles contra a monarquía castelá, foi aproveitada por esta para substituíla por unha aristocracia allea ao país, case toda allea a Galiza, e sempre fiel a uns intereses que non eran galegos. Como escribe o catedrático de historia, Anselmo López Carreira: unha vez "domada", Galicia convertíase nunha "colonia da Corte".

                                       Irmandiños

11 de mar. de 2013

Alimentación básica

Non cabe a menor dúbida, de que o peso fundamental na alimentación humana ata finais do século XIX recaía sobre os cereais, nunha sociedade como a rural, iso supoñía estar supeditado ao ritmo variable das colleitas.
Asegurar alimento para todos os membros da familia, constituía unha das principais preocupacións cotiás para o campesiño galego, naquela época, as familias adoitaban ser moi abundantes, había moitas bocas que manter.



Os campesiños do rural galego tiñan un estómago "moi flexible", froito das variacións no réxime de comidas, segundo palabras de Pegerto Saavedra:
"O estómago do labrego era como un acordeón, estirábase ou encollíase con facilidade".
Ademais dos cereais, o labrego consume unha serie de alimentos complementarios, entre os que destaca a carne de porco.
O carácter "democrático" deste animal, non había casa na que non se cebase un porco, e a alta media de gando porcino nas aldeas, dan proba da importancia desta fonte de alimento para o campesiño galego, (aínda hoxe en día, é rara a casa onde non se cebe polo menos un porco cada ano).
Touciños e untos, constituían xunto a outros "miúdos", un suplemento de alimento graxo que enriquecía unha dieta composta maiormente por hidratos de carbono.




O porco era e é, un animal altamente rendible para o campesiño e unha inestimable fonte de alimento, xa que del aproveítase practicamente todo, incluído o sangue para facer filloas, ou o sebo e a graxa, usados para adobar e fritir alimentos.
O gando lanar, estaba moi estendido no rural lucense, non obstante a carne de carneiro ou cordeiro, non formaba parte da dieta diaria do campesiño, xa que polo xeral este gando  reservábase á produción de leite ou la, sendo sacrificado en ocasións especiais, como ofrendas e pitanzas nos funerais, banquetes de voda ou festas patronais.
Este tipo de carne adoitaba ser consumida con maior asiduidade polas clases podentes: "fidalgos e párrocos, adornan as súas mesas con algún que outro carneiro procedente das rendas e ofrendas pagadas polos campesiños".
No que respecta ás aves, a maioría son destinadas a "engordar ou cebar capóns", co fin de pagar as rendas á igrexa ou aos fidalgos donos das terras arrendadas, algún queda na casa reservado para consumir en días sinalados, a excepción da galiña da que se obteñen os ovos e despois é aproveitada toda ela para caldos ou guisos.
Outro alimento sen parangón no rural galego, é o caldo, elaborado xeralmente con berzas, fabas, nabizas e algún que outro condimento máis, formaba parte, entón e aínda hoxe, moi importante da dieta diaria e a inmensa maioría dos días, constituía prato único.

Segundo AVicenti, <a comida do medio día do labrego, adoitaba reducirse a "caldo de berzas, patacas e fabas", condimentado no caso dos ricos por unha escasa porción de touciño rancio e no caso dos pobres, coa desaborida graxa do unto >.



Nas hortas do interior lucense, reinan as berzas e as nabizas.
Coa introdución da pataca na segunda metade do século XVIII, os campesiños contan cun novo ingrediente para os seus caldos e potaxes, así como cun gran complemento alimenticio e substitutivo do pan e da ata entón raíña "quita fame" castaña.
Unha vez que se superou o inicial rexeitamento á pataca e se perfeccionou a forma de preparala, a pataca chegou a constituír o produto con maior presenza na mesa labrega.
En canto ás bebidas, a principal da época, era a auga, o consumo diario de viño, era case imposible para a economía campesiña, resultaba caro, polo que só aparecía a diario en casas de certo nivel adquisitivo.




Aínda que existe tráfico de viño na zona, procedente case na súa totalidade do Ribeiro, este está destinado maioritariamente a abastecer ás tabernas.
Nos séculos XVII-XVIII, bebidas como o chocolate, o té ou o café, soamente son consumidas pola fidalguía e o clero.

3 de mar. de 2013

A pedreira

Exemplo cantería en Millares
As edificacións de pedra que hai en Millares foron construídas case na súa totalidade, con material procedente de pedreiras da parroquia.  A máis próxima ó pobo está na Manguela, da que se arrancou a pedra das últimas obras feitas en Millares con este material alá polos anos 1960. 
Pedreira da  Manguela
Nos últimos tempos para rachar a pedra, sustituíronse as cuñas e as marras (de 6 a 8 quilos), pola pólvora artesanal, feita con xofre que facía o lume, nitrato de potasa que lle daba a potencia e con feluxe de carbón vexetal que amalgamaba todo e daba lume.
A pedra racha mellor no verán que no inverno, máis unha vez cortada, hai que tratala pronto, porque o sol endurece a pedra e faina brava. 


Pedreira na Manguela
O proceso de traballo da pedra extraída tiña as seguintes fases:
-Desbastar; é o primeiro traballo, quitar nós, berrugóns e sobrantes.
-Picar e labrar; preparar as seis caras co pico e co escuadro.
-Pulir; alisar a pedra co cicel e co esmeril. Facíase pouco, só para casos concretos. Gustaba máis a vista da pedra rematada só con pico e por outro lado pulila saía máis caro.



O carrexo da pedra á obra facíase co carro das vacas e nos últimos tempos con tractores. Para cargar a pedra ó carro dábanse varias solucións: facíanse unhas rodeiras da fondura do eixe do carro á altura do chedeiro ó pé das pedras amoreadas quedando o carro a rentes do chan, ou se non había maneira de enterrar o carro, facíanse unhas ramplas de madeira sostidas en paus e desde elas subíanse as pedras ó carro.
Xugadas de vacas ou bois levaban o carro, pero os bois eran máis ásperos e bravos de dirixir.

A arquitectura que xurdía das cabezas dos canteiros era moito máis respectuosa ca que se fai hoxe en día, onde o que predomina non é precisamente o respecto ó contorno, ó hábitat, á tradición, ou ó material de arredor.
A estrutura xeral da vivenda do pasado era un edificio de dúas plantas. Na planta de abaixo á que se entraba pola porta carral daba acceso ó curral, ás cortes e a cociña. Na planta de arriba estaban os espazos para durmir e había un corredor ou solaina.


O mestre canteiro vía a estrutura da construción rematada na súa cabeza, non facía planos no senso dos estudos da arquitectura de hoxe. Non os facían porque non os necesitaba, e porque non se podían pagar. Cando chegou o momento no que os concellos comezaron a pedilos, os canteiros viron a obriga dos planos e as licenzas das obras coma unha maneira de cobrar e de chuchar no bolso por parte de concellos, etc.



Os canteiros non necesitaban quebrarse moito a cabeza porque desde aprendices, empapábanse  ó pé da obra de medidas, cantidades, colocación e posición de cada pedra… Era a escola da vida, era a universidade práctica.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...