10 de dec. de 2012

Aldeas da parroquia

Imos facer un percorrido polas outras dúas aldeas que xunto a Millares forman a nosa parroquia, Abrairas e A Braña.
Hoxe ocuparémonos de Abrairas:


É a máis pequena das tres aldeas que compoñen a parroquia de San Miguel da Braña, no ano 2009 había censadas 13 persoas, 7 mulleres e 6 homes.


Vista de Abrairas dende "As Manguelas"

Vista de Abrairas subindo os eólicos

Abrairas visto dende Millares

Google earth

En Abrairas encóntrase unha capela de construción popular, (aínda que a súa titularidade é privada), está consagrada a San Ramón Nonato, os seus muros son de cachotaría, o cadeirado é de granito e a cuberta é de lousa.

Capela de Abrairas

Tamén se mantén en pé, aínda que a duras penas, o muíño, o certo é que pouca xente o coñece ou o recorda, é bastante complicado dar con el, pero preguntando a os veciños encóntrase con facilidade.


Muiño de Abrairas

O interior consérvase en mellor estado, nas fotos vemos a pedra, a moega e a cabria ou guindaste.

Pedra e moega

Cabria ou guindaste
Parece ser, que en Abrairas existiu unha forxa, estaba situada xunto á estrada, entre a casa de Ferreiro e a casa de Lourenza, non debe quedar ningún resto, no lugar onde se encontraba a forxa construíronse unhas cortes para vacas.



Dise que nas inmediacións do lugar de Abrairas, existen unhas augas minerais purgantes, alguén coñece o sitio exacto?, o que se segue existindo, ou polo menos existía en decembro do 2011, data en que fixemos a foto, é a fonte de Louseira, aínda que non se sabe por canto tempo, xa que ao parecer o concello quere canalizar a fonte da Louseira e a de Ladairo. (B.O.P de Lugo, venres 17 de febreiro de 2012).



Fonte da Louseira, esperemos que non sexa a última foto que vexamos dela.

Ao mellor, en lugar de canalizar e ao final facer desaparecer as fontes, sería mellor ocuparse de que non se perdesen miles e miles de litros de auga por todas as partes, dende chaves de paso de casas particulares, que levan perdendo anos auga, mangueiras e billas deixadas abertos durante horas.... quizais se cada propiedade tivese o seu contador e pagase polo seu consumo real, nos preocupariamos máis de non malgastar un ben que cada día é máis escaso e máis caro.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...