23 de out. de 2012

As castañas

A castaña ten unha maña,
Que se vai con quen a apaña.


O outono é a época das castañas, a finais do mes de outubro empezan a pingar as primeiras castañas por Millares.
Hoxe en día é frecuente que as castañas caian e se perdan no chan, pero non sempre foi así, noutros tempos se de algo se podía fartar o estómago, era de castañas, que moita fame teñen sacado a moitos mortais. 
Así o dí a adiviñanza: unha cousiña, cousa/ criada no monte/ enxoita na casa/ que se come sen taxa. 
Hai uns anos que era común que a cea da casa labrega fora a base de caldo e castañas asadas, ou cocidas e con leite. 
Había ditos como: os nenos non poden comer castañas crúas, se non queren que lles saian pollos na cabeza. Sería porque os rapaces gustan de “ir ó lance”, roubar froita así sexa verde como a ferraña. Eran tabús inventados pola xente maior, para impedir a pillaxe.


Incluso da castaña inventábanse xogos:
As melindrainas…
-Abre o puño e damas.
-Sobre cantas?
-Sobre dúas, tres...
(se acerta cólleas) se non acertou, recibe tantas como da conta falten ou sobren.

Nos xogos infantís personifícase a castaña:
-Cómo te chamas?
-Come castañas
-Eu cómoas e tí apáñalas
-E de apelido?
-O caldo cocido.

A veces tamén había o xogo do foio, a quen meta unha castaña na foia ou burato feito na terra.


 Refráns:
A castaña, en agosto arder e en setembro beber.
En ano de orizos, non fagas cainzos.
Con castañas e viño, xa se anda o camiño.
Polo San Martiño castañas e viño.


 Dito:
Canta roliña, rola
Canta naquel souto;
Pobre de quen espera
Polo que está na mau doutro.


 O magosto
No mes de novembro, a castaña recupera a importancia que o millo e a pataca lle arrebataron nas cociñas galegas hai varios séculos.
A tarde do primeiro de novembro, véspera dos defuntos é a propia do magosto. Hai moitos anos as rapazas e rapaces facían o magosto. Ían ó souto e apilaban no chan as castañas, sobre elas poñían leña e préndíanlle lume para asalas mentras bailaban. Logo cómenas e beben viño e acaba o magosto. 


Ben-Cho-Shey di que os magostos son as fogueiras outonáis celebrando a recolleita dos froitos; destes o máis enxebre, as castañas. Unha festa no ciclo vital agrario dos nosos devanceiros, no plenilunio outonal. O feito de estar o magosto tan relacionado con certas festas relixiosas como son a de Tódolos santos e San Martiño, dan pé para sospeitar que en tempos anteriores ó cristianismo, formaría parte de certos ritos agrarios e druídico-relixiosos.


Segundo crenzas antigas, a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos.
Tradicionalmente, outono, castaña e defuntos, aparecen asociados na festa dos magostos.
Enténdese que cada castaña comida, é unha alma liberada do purgatorio, dise tamén que despois da festa, as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras, polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.

Por San Martiño faise o magosto,
con castañas asadas e viño ou mosto.

Oriceira


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...