2 de ago. de 2012

Herba seca

Herba cortada

Estes días andan os veciños de Millares recollendo a herba seca. Anque hoxe a maquinaria aliviu moito a dureza deste traballo, non é doado estar traballando días nos que a calor abrasa.
Antigamente a herba segábase ca gadaña, empezaban cedo cando non apretaba a calor. Gadañaban uns tras de outros, e había que estar afiando cada pouco. Ós segadores levávanlles da casa ó prado comida e bebida para recargar enerxía. Despois había que esmarañala herba que quedaba en gabilleiros. 

Gabilleiros

Deixábase estesa ó sol e íase volvendo manualmente cos colmeiros para que fora secando. Cando amenazaba a chover empalleirábase para tratar de que  a chuvia non a estropeara, logo de estabilizarse o tempo e secar o chan abríanse as palleiras. Xeralmente leváballe secar dous ou tres días. Posteriormente levábanse as carradas  de herba dende o prado ata a palleira da aira, onde se botaba nunha pila que se ía calcando cos pés, para que collera máis herba. Cando se ía chegando ó lousado da palleira era raro non dar ca cabeza nel. Era un labor duro pois a herba solta moito po.

Herba empalleirada

Hoxe faise todo con máquinas e foise evolucionando na recollida. Das gadañas pasouse ás segadoras e logo ás rotativas. Vólvese co volvedor apeiro utilizado tamén para xuntar a herba en gabilleiros e deixala lista para que a colla a enroladora ou a empacadora.  O produto final primeiro era herba solta no carro, logo empacábase en pacas manexables manualmente, posteriormente veu a moda dos rolos e hai poucos anos empezou a facerse grandes pacas rectangulares.

Rolos

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...