19 de xul. de 2012

Freixido



Dicía o escritor e etnólogo maliense Amadou Hampâté Bâ “cando un ancián morre, toda unha biblioteca desaparece”. Conscientes de que de cada ancián só hai un único exemplar, antes de que a tradición oral dos nosos maiores quede abocada ao abismo sen fondo do tempo, preguntamos por nomes de lugares en Freixido para transmitilos a futuras xeracións.


Freixido é un territorio da parroquia, onde entre outros, teñen fincas veciños de Millares. Hai uns anos nesta zona había moita actividade humana, aproveitábanse tódolos recursos naturais: facíase carbón, botábase pan, íase por leña e madeira, pastaba o gando, collíase estrume, cazábase, etc. A maioría desta actividade económica desapareceu a partir dos anos 1960 por diversos factores.


O nome de Freixido indica “zona de freixos”. Ten unha superficie dunhas 140 hectáreas. A altitude mínima é 620m e a máxima 930m. Este espazo ten dúas zonas diferenciadas: na arborada dominan os carballos, abidueiras, piñeiros, acevros, pradairos, freixos, amieiros e eucaliptos e no monte baixo a maioría son: uces, toxos, fentos, xestas e carqueixa. En canto á fauna a maioría dos rastros vistos son de xabaril e corzo.


Algúns nomes de lugares deste espazo son: O Retorno, As Trémoras, O rego da Abidueira, A Valiña de Baixo, O Valin Dauga, Os Cortellos, O Acevral, Os Cabeceiros do Acevral, A Fonte dos Cazadores, A Rega do Arco, O Valín do Leite, A Armada das Cordas, A Biega da Vella, A Travesa, O Tesouro, As Lamelas, Os Penallos, O Pirixil, A Costa de Carballo Gordo, A Valiña de Riba, A Pena Cerrada, O Teso da Loba.
Coñecedes outros nomes?


Curiosidades:
No Retorno había unha campa e revolvían os carros alí. Era onde cargaban a leña.
No fondo do rego da Biega da Vella hai unha pena grande onde facían o niño as aves.
Na Costa de Carballo Gordo hai unha subida no camiño e custáballes subir ás vacas co carro cargado. Había que subir media carga e logo volver polo resto.




Pan, preto do Teso da Loba

3 de xul. de 2012

Evolución da construción en Millares



"Galicia ten 1400 aldeas abandonadas e case 1000 nas que vive un só habitante".
Ao ler estes titulares, un non pode deixar de sentir unha mestura de pena, nostalxia e algo de medo, ao pensar en tantos recordos e costumes que desaparecerán con elas.
Cada casa abandonado, cada tellado afundido, son unha derrota.
Derrotounas a emigración, o envellecemento da poboación, a falta de axudas das administracións, a falta de infraestruturas, a dificultade para vender casas que son de moitos propietarios de mesmo varias xeracións diferentes, polo cal quedan sen reformar e acaban afundíndose.
Non cabe dúbida de que Millares tamén sufriu unha evolución nas últimas décadas, tanto en relación coa poboación coma a nivel de construción.
Por sorte, séguense mantendo en pé todas as vivendas que xa existían nos anos 50, e a maioría están ocupadas de forma permanente ou en época vacacional, aínda que por desgracia algunhas casas están en estado de abandono.
A gran maioría de edificacións posteriores son construcións relacionadas coa gandaría e a agricultura, cosa lóxica se temos en conta que ese é o futuro do noso pobo.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...