11/06/2012

Parque eólico da serra de Montouto


Antes de nada aclarar que o nome do parque eólico que hai en terreos da parroquia, e polo tanto dalgúns veciños de Millares, ten un nome non relacionado coa zona que ocupa, pois chámanlle Punago, e esta serra e pobo (realmente tampouco está ben escrito porque é Puñago con ñ) está a varios quilómetros ao sur do parque actual onde non hai ningún muíño eólico. Non sabemos o motivo da confusión e o porqué deste "bautizo". 


En Millares chámaselle en xeral, Serra de Montouto onde están os muíños de vento, aínda que tamén hai zonas chamadas: Ladairo, ou Miradoiro, Pozo da Lagoa, etc. Outro día detallaremos nomes da Serra de Montouto ás veces denominada tamén parte dela como A Bouza.
O parque eólico "Punago" estaba incluído dentro do Plan Eólico Estratéxico denominado P.E.E. Endesa-Made aprobado pola Consellería de Indutria e Comercio da Xunta de Galicia en Resolución do 25 de Abril de 1996 con n.º de expediente IN660A 95/3-0.
O peticionario e promotor das instalacións foi Ecyr con domicilio social en Madrid. A superficie aproximada que ocupan é de 1.098 Ha con orientación de norte a sur.



Instalaron 46 aeroxeradores MADE AE-46/l o que supón unha potencia instalada de 30,36 MW. As características de cada un deles son: rotor de 46 m de diámetro, altura de buxa 45 m, velocidade mínima do vento para o arranque 3,5 m/s, velocidade do vento para xerar a potencia nominal 14 m/s, velocidade de parada 25 m/s e 660 kW de potencia nominal.
Os valores esperados de produción para o parque eólico de 30,36 MW, con 46 aeroxeradores de 660 kW de potencia nominal son: factor de densidade 90,65%, produción máxima (sen perdas) 86.471 MWh/ano, perdas efecto ronsel 6%, dispoñibilidade 97%, perdas eléctricas 1%, produción media anual do parque 78.056 MWh/ano, produción media por aeroxerador 1.697 MWh/ano, horas anuais equivalentes 2.571 horas.
Cada aeroxerador conéctase individualmente ao seu centro de transformación situado no interior da propia torre. Os devanditos centros están conectados entre eles mediante liñas subterráneas a 30 kV ata a subestación transformadora albergada nun edificio construído nunha zona do parque. Da subestación parte unha liña aérea en 132 kV que leva a enerxía producida ao parque eólico de Fonsagrada.




O combustible anual aforrado esperado debido ao funcionamento do parque sería de 130.230 barrís, e evitaríanse emitir 61.727 Tm de CO2, 5.766 Tm de escoura e cinzas, 993 Tm de SO2 e 546 Tm de NOx.
O volume xerado de postos de traballo despois da instalación sería de 3 persoas para a xestión, operación e mantemento.
O prazo de execución previsto era de 7 meses e o presuposto total de contrata das obras sería 3.175.906.569 pts.
As obras iniciáronse polo ano 2003.




2 comentarios:

muiñeiro dixo...

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/economia/propietarios-terras-eolicas-perceben-menos-do-15-da-facturacion-parques/20160523120318047958.html

Anónimo dixo...

xa hai pobreza enerxética, a luz carísima e as pensións soben unha merda (1 euro mensual). Vai morrer xente por non poder pagar un ben básico como a luz. As eléctricas con miles de beneficios e a xente estamos esplotados. Mentres o goberno español segue malgastando o diñeiro en cousas sen xeito: bases de colonización na Antártida, no norte de Marrocos, no Rif, mercando tanques, submarinos....e os pensionistas estamos sendo maltratados

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...