14/05/2012

Aves


Facemos este artigo a partir da seguinte canción que nos contaron en Millares:
Catro aves voadoras
son as que pasan o mar,
a anduriña e mailo cuco,
a rula e o pazpallar.

A ANDURIÑA
Hai dúas especies de anduriñas vistas por Millares, a anduriña común Hirundo rustica que fai o niño con barro e herba en vigas de madeira ou paredes e a anduriña das vilas Delichon urbica que fai o niño nos beirados das casas. As anduriñas teñen un gran sentido da orientación, sendo capaces de atoparen o seu niño do ano anterior. SABER MÁIS

Anduriña común

A veces ocupanllelos ou desfánllelos os gorrións Passer domesticus. É migrador estival que se achega nos primeiros días de marzo para amañar os niños do ano anterior ou facer uns novos. Teñen forma esférica cunha abertura no máis alto e fanos con boliñas de barro. Poñen catro ovos. A finais de agosto e primeiros de setembro reúnense para emprendela viaxe gradualmente cara ó continente africano por falta de comida (moscas, formigas, áfidos, etc.) no inverno, non do frío. Varias veces póñense nos fíos da luz.

Anduriña das Vilas

O investigador Estanislao Fernández detectou o 7 de febreiro de 2004 en catro casas de Millares 28 niños de anduriñas das vilas (12 enteiros, 3 un pouco desfeitos e 13 totalmente desfeitos).
No ano 2012 detectáronse na última semana de marzo.
Ditos:
Caga máis un boi que cen anduriñas.
Nin un dedo fai mau, nin unha anduriña fai vrau.
Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
Anduriña que voa alta non teme que chova.

O CUCO
É unha ave solitaria que ten dúas características moi singulares: SABER MÁIS é tan lacazán que non se preocupa de facer niño, (pon o seu ovo no niño doutras aves para que o o críen), e o seu berro “cu cu”. Choca un ovo. No ano 2012 oíuse cucar en Millares polo 30 de marzo.


Cuco

Ditos
O cuco non te collerá sen almorzar.
Entre marzo e abril sae o cuco do cubil.
Canta o cuco tempo enxuito.
Cando canta o cuco ven o pan ó suco.
Se despóis de San Pedro canta o cuco, vén bon vrau.
Estar contento coma un cuco.
Ser un cuco.
Conto: unha vez o compadre do cuco chamouno prá malla. Viuse nun apuro e contestoulle: se vai sol teño que poñerme á sombra, se hai néboa teño que cucar e se chove irei praló.

A ROLA
O berro da rola Streptopelia turtur, é parecido a rrur, rrur ou "turr turr". SABER MÁIS
O niño, faino con cotiños e follas nas árbores ou en sebes mestas a pouca altura. Poñen dous ovos brancos a finais de maio ou primeiros de xuño e poden facer unha segunda posta en xullo ou agosto.


Rola

Pasan o inverno, ó sur do Sahara. A especie está a sufrir unha forte redución das súas poboación en Europa, causada polos cambios nos métodos agrícolas que provocan a escaseza das sementes das que se alimenta, pola caza, sobre todo cando cruzan o Mediterráneo durante as migracións, a destrución das sebes e o emprego de pesticidas.

O PAZPALLAR
Pouco despois do cuco vén o pazpallar Coturnix coturnix. SABER MÁIS. Nas searas fai a súa vida e cría a súa niñada. A súa voz característica, que se oe principalmente ó luscofusco, é un canto trisílabo que lle valeu o seu nome vulgar. Está ata que remata o verán e a despensa (a grá) ata agosto cando se sega. Canta a tódalas horas e por pouca luz que haxa.


Pazpallar

Fan un niño nunha pequena depresión do chan no que adoitan poñer entre 8 e 13 ovos. A carne do paspallás fíxoo obxecto de caza masiva dende tempos remotos, o que xunto coa perda dos seus hábitats e o uso masivo de pesticidas, causou unha forte diminución das súas poboacións.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...