28/05/2012

Oficios tradicionais


Os carteiros
Os carteiros rurais diferenciábanse basicamente dos urbanos, en que podían traballar a tempo parcial e con maior autonomía.
A repartición no medio rural, tiña máis dificultades que nos centros urbanos, ao estar máis diseminados os domicilios dos destinatarios, cando o terreo o permitía, era frecuente, nos anos cincuenta o sesenta do século pasado, o uso da bicicleta.
Nalgúns casos a chegada do carteiro constituía todo un acontecemento, pois traía noticias dos fillos que estaba na mili ou que tiveran que emigrar. Pola contra, unha carta inesperada tamén ás veces lle acompañaba certo temor, pois con frecuencia era o medio para comunicar desgracias ou reclamacións de calquera tipo.


A cartería de Millares
Houbo un tempo no que en Millares tamén tivemos carteiro, aló polos anos 1960-1970. No enderezo das cartas, paquetes, etc.. aparecía: “Cartería de Millares”. E ata fai pouco tempo existía unha caixa de correo similar á da imaxe.


As carterías eran oficinas do servizo de correos, rexidas por carteiros. Ocupaban o último lugar na xerarquía da organización postal. A súa principal función era de nexo entre o usuario
e as administracións principais de correos.

No Estado comezaron a circular plenamente os primeiros selos de correos o 1 de xaneiro de 1850.
Algúns selos da época da cartería e outros que circularon por Millares.





20/05/2012

Unha terra, un pobo e unha fala


LINGUA E BREVE HISTORIA
Nestas datas en que se celebra o Día das letras galegas , concretamente o 17 de maio, facemos este artigo para defender e potenciar o uso e o coñecemento do idioma que se fala en Millares: O galego, o idioma propio de Galicia.  A nosa lingua está a vivir unha difícil situación neste momento concreto. A un estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados até o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura (por exemplo diminución do número de materias en galego na escola, etc). Desgraciadamente estamos nunha situación de retrocesos legais e desprotección dos nosos dereitos lingüísticos, polo que desexamos que as millaresas, millareses, descendentes e en xeral tódolos que amamos a nosa lingua, nos movamos a favor daquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua. O galego distingue sete vocais e as consoantes existentes son: b, c, d, f, g, h, l, m, n, ñ, p, q, r, s, t, v, x, z. As letras j, k, w, y non son propias do noso idioma.



A lingua galega considérase formada arredor do s. IX no que se refire á oralidade, como resultado da asimilación do latín vulgar falado polos conquistadores romanos no s. II dC.
No seu momento foi lingua culta fóra dos reinos de Galicia e Portugal nos reinos veciños de León e Castela.
Pero as derrotas que a nobreza galega sufriu ao tomar partido polos bandos perdedores nas guerras de poder de finais do s. XIV e primeiros do s. XV provoca a asimilación da nobreza galega e a dominación castelá, o que leva consigo unha opresión e unha desaparición pública, oficial, literaria e relixiosa da lingua galega ata finais do s. XIX. Son os chamados Séculos Oscuros.

A política dos Reis Católicos no reino de Galicia concentrouse en medidas agresivas (por exemplo impuxeron o arranque de todas as oliveiras) sufrindo unha colonización económica e cultural, así como o desdén que Galicia recibía polo poder central da monarquía española. Toda esta colonización estase sufrindo dende o s. XV, ata os nosos días (imposición da lingua castelá na escola, no ámbito xudicial, médico, etc). Na dictadura franquista prohibíase falar o galego, os mestres castigaban os nenos que o falaban, etc…



As primeiras probas líticas de presenza humana en Galicia remóntanse a uns 300.000 anos, no Paleolítico Inferior. O nacemento da propia Galicia, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a.C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.
No ano 298 d.C. o emperador Diocleciano dalle a Galicia o rango de provincia consular pasando a estar baixo o goberno dun cónsul. No ano 409 d.C., o rei suevo Hermerico funda o primeiro reino de Galicia, afianzando a existencia de Galicia ata os nosos días. Ata o ano 1833 Galicia mantívose coma un reino.
Neste video mostramos alguna letra de cancións do grupo galego Saraibas formado nos anos da Transición, relacionado coa canción de autor e a canción de intervención política.


14/05/2012

Aves


Facemos este artigo a partir da seguinte canción que nos contaron en Millares:
Catro aves voadoras
son as que pasan o mar,
a anduriña e mailo cuco,
a rula e o pazpallar.

A ANDURIÑA
Hai dúas especies de anduriñas vistas por Millares, a anduriña común Hirundo rustica que fai o niño con barro e herba en vigas de madeira ou paredes e a anduriña das vilas Delichon urbica que fai o niño nos beirados das casas. As anduriñas teñen un gran sentido da orientación, sendo capaces de atoparen o seu niño do ano anterior. SABER MÁIS

Anduriña común

A veces ocupanllelos ou desfánllelos os gorrións Passer domesticus. É migrador estival que se achega nos primeiros días de marzo para amañar os niños do ano anterior ou facer uns novos. Teñen forma esférica cunha abertura no máis alto e fanos con boliñas de barro. Poñen catro ovos. A finais de agosto e primeiros de setembro reúnense para emprendela viaxe gradualmente cara ó continente africano por falta de comida (moscas, formigas, áfidos, etc.) no inverno, non do frío. Varias veces póñense nos fíos da luz.

Anduriña das Vilas

O investigador Estanislao Fernández detectou o 7 de febreiro de 2004 en catro casas de Millares 28 niños de anduriñas das vilas (12 enteiros, 3 un pouco desfeitos e 13 totalmente desfeitos).
No ano 2012 detectáronse na última semana de marzo.
Ditos:
Caga máis un boi que cen anduriñas.
Nin un dedo fai mau, nin unha anduriña fai vrau.
Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
Anduriña que voa alta non teme que chova.

O CUCO
É unha ave solitaria que ten dúas características moi singulares: SABER MÁIS é tan lacazán que non se preocupa de facer niño, (pon o seu ovo no niño doutras aves para que o o críen), e o seu berro “cu cu”. Choca un ovo. No ano 2012 oíuse cucar en Millares polo 30 de marzo.


Cuco

Ditos
O cuco non te collerá sen almorzar.
Entre marzo e abril sae o cuco do cubil.
Canta o cuco tempo enxuito.
Cando canta o cuco ven o pan ó suco.
Se despóis de San Pedro canta o cuco, vén bon vrau.
Estar contento coma un cuco.
Ser un cuco.
Conto: unha vez o compadre do cuco chamouno prá malla. Viuse nun apuro e contestoulle: se vai sol teño que poñerme á sombra, se hai néboa teño que cucar e se chove irei praló.

A ROLA
O berro da rola Streptopelia turtur, é parecido a rrur, rrur ou "turr turr". SABER MÁIS
O niño, faino con cotiños e follas nas árbores ou en sebes mestas a pouca altura. Poñen dous ovos brancos a finais de maio ou primeiros de xuño e poden facer unha segunda posta en xullo ou agosto.


Rola

Pasan o inverno, ó sur do Sahara. A especie está a sufrir unha forte redución das súas poboación en Europa, causada polos cambios nos métodos agrícolas que provocan a escaseza das sementes das que se alimenta, pola caza, sobre todo cando cruzan o Mediterráneo durante as migracións, a destrución das sebes e o emprego de pesticidas.

O PAZPALLAR
Pouco despois do cuco vén o pazpallar Coturnix coturnix. SABER MÁIS. Nas searas fai a súa vida e cría a súa niñada. A súa voz característica, que se oe principalmente ó luscofusco, é un canto trisílabo que lle valeu o seu nome vulgar. Está ata que remata o verán e a despensa (a grá) ata agosto cando se sega. Canta a tódalas horas e por pouca luz que haxa.


Pazpallar

Fan un niño nunha pequena depresión do chan no que adoitan poñer entre 8 e 13 ovos. A carne do paspallás fíxoo obxecto de caza masiva dende tempos remotos, o que xunto coa perda dos seus hábitats e o uso masivo de pesticidas, causou unha forte diminución das súas poboacións.

04/05/2012

Marronda da Braña

Adóitase chamar Marronda da Braña, á parte da Marronda onde teñen terreos algúns veciños de Abrairas, A Braña e Millares.


As seguintes fotografías mostran algúns dos puntos que fan de limite entre a coñecida como Marronda da Braña e o resto da Marronda:

PENA DOS SETE PASTORES



CRUZ DA NENA


CARBALLO VERRUGOSO

Hoxe en día, o chamado Carballo Verrugoso, desapareceu, foi derrubado para construír no seu lugar esta "lagoa":




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...