17 de abr. de 2012

O loureiro

O loureiro forma parte da nosa paisaxe, en Millares podemos encontralo nos montes, nas eiras e mesmo nos xardíns, e aparece como suxeito principal en numerosas cancións, lendas e contos de tradición oral, como a seguinte canción antiga:


Desgraciado do loureiro
que está a beira do camiño
cada persoa que pasa
tíralle ou seu ramalliño.

Esta canción alude á gran cantidade de usos que ten o loureiro.
Ademais sobre o loureiro existe un dito antigo de que quen planta un loureiro nunca o verá crecer, aludindo ao lento crecemento da planta, aínda que  na cultura popular alude á morte de quen o planta.
Na cultura popular galega, o loureiro ten tres grandes aplicacións: como planta medicinal, como condimento e como protector contra as tormentas, os males de ollo e outras desgracias.
Esta é a aplicación que nos interesa neste articulo.


O LOUREIRO PROTECTOR:
Esta planta está dedicada ao deus Apolo, os emperadores coroábanse cunha coroa de loureiro, de feito o loureiro é un árbore de folla perenne que nunca seca, o que o converte en símbolo de supervivencia.
Quizais sexa consecuencia desta crenza, o costume de colocar no máis alto dunha casa recén construída un ramo de loureiro como protección e sorte para a casa e os seus moradores.
Tamén se cría que onde crecía un loureiro non caería  un raio, ata que se prohibiu o costume de plantar loureiros arredor das casas polo risco de incendio.
Ao mellor por iso, é un costume xeral colgar ramas de loureiro nas casas e nas cortes para protexerse de calquera enfermidade ou desgracia para as persoas ou os animais, ou queimar follas de loureiro bendito o domingo de Ramos durante as tormentas para conxurar ao raio.
Pensábase que o fume de loureiro é protector contra as malas presenzas, cando algún campesiño galego sospeitaba que algo malo entrara na súa casa, queimaba ramas de loureiro e exparexía o fume na casa ou na corte.
O loureiro úsase dende sempre para protexerse do mal de ollo, nalgunhas zonas de Ourense colocaban ao lado dos cadáveres, no velorio, un recipiente con auga bendita e unha rama de loureiro para protexer os visitantes do aire de defunto, outro costume era a de pasar a roupa por enriba do lume ao regresar do velorio, para purificarse, no lume queimaránse follas de loureiro.
Outros dos seus usos era como protector para o gando, ao que se ataba ao colo un ramo de loureiro bendito.
USOS.
O loureiro é cultivado nos xardíns coma árbore ornamental, as súas follas úsanse como condimento, se usan tamén en certos preparados farmacéuticos (para a reuma, o estómago...), en veterinaria utilízase contra os parasitos dos animais domesticos.
A súa madeira é usada en marquetaría, exhala unha agradable olor, ademais é unha madeira bastante dura.

Folla seca de loureiro

CULTIVO:
Pódese cultivar tanto por sementes coma por gallos de raíz ou de talo, en canto ao cultivo por sementes estas deben recollerse en zonas onde existan loureiros dos dous sexos, debendo recollerse só os froitos que están na planta e non os caídos no chan, porque estes xa adoitan estar fermentados, a inmersión das sementes na auga acelera a xerminación.
O loureiro é unha planta pouco esixente no que a chans se refiere, só require que sexan chans húmidos, soporta moi ben a poda, pero é sensible aos parásitos.

Flor do loureiro

Fruto do loureiro

TRADICIÓN:
En Galicia, en semana santa, adóitanse levar ramos de loureiro á igrexa, o Domingo de Ramos, para bendicilos, lévanse por tradición, é un costume, mesmo ás veces hai competencia para ver quen leva o ramo máis grande.

Ramo de loureiro para bendicir

***Propiedades do loureiro

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...