23 de abr. de 2012

A armada das cordas


O nome deste lugar da parroquia situado no cume da serra entre A Marronda e Freixido, é debido a que nel, os veciños de Millares e outros da parroquia, xuntábanse para facer unha armada de cordas: estrutura feita con cordas formando unha rede. Estas cordas gardábanas dunha vez para outra nunha casa da Braña. O obxectivo era capturar animais como o xabaril ou o lobo que eran un perigo para os cultivos ou os animais dos que vivía o home. Tamén era usado para cazar cando escaseaba a carne nas casas. O procedemento  usado para que os animais foran parar á rede consistía en axotalos con cans e ruxidos feitos polos veciños dende os extremos de Freixido ata onde estaba a armada. Era unha multitude berrando, dando paus ás uces, toxos,... Logo, con sachos, picañas, gallitas e outros apeiros de labranza intentaban collelo animal. A veces podía escapar, pero era un aviso, collía medo e escapaba para outras terras.
Hoxe falaremos do lobo:

**Lobo ibérico

Nos arredores da Armada das Cordas pastaban moitas cabras, ovellas, gando vacún e cabalar polo que os lobos tiñan seguridade  para vivir e reproducirse. O lobo ataca para comer e subsistir, máis tamén por pracer. Cando varios lobos atacaban un rabaño indefenso, podían facer verdadeiras desfeitas logo de fartarse.
Cada animal reacciona de forma distinta ante o lobo.
As vacas cando hai varias, xúntanse en círculo polo cu e fan fronte ó lobo cos cornos e a testa. Se teñen crías métenas dentro. O lobo ataca ó rebaño en rolda, e o animal que se separa morrerá.
As bestas forman un círculo, xuntan a cabeza no centro e deféndense coas patas traseiras. Se teñen crías métenas no medio do círculo. A besta que quede illada non se salva.
Os burros deféndense mal, paralízanse.
As ovellas non se defenden e se se defenden o método non é moi eficaz. Xúntanse e meten a cabeza no medio unhas das outras.
A táctica do lobo é separar os rabaños ou meterse entre o mato e esperar a que o pastor e os animais estén ben tranquiliños ata que atopa a ocasión de asaltalo. Os lobos tirábanse máis ás ovellas cás cabras, pois estas podían saltar a unha árbore, subir por unha pena e deixar ó lobo con dous palmos de narices. Pero o bocado preferido eran os cabritos. Cando os castróns cheiraban ó lobo, levantaban a cabeza, berraban e golpeaban a terra cas patas e o rabaño xuntábase para protexer. Tamén nos contan que o lobo ataca de cara ó vento para que o seu cheiro non sexa detectado.
Os pastores para defenderse levaban cans que podían levar no pescozo potentes carrancas.


O lobo defendíase tendendo emboscadas, por exemplo un ía diante fuxindo do can e facía unha reviravolta brusca atacando, nese momento outro lobo que estaba escondido e ía detrás lanzábase tamén ó can.
En canto á relación do lobo co home, todos escoitamos contos dos nosos veciños de que os seguiran de noite cando volvían das festas, feiras ou outras viaxes.
Preto da Armada das cordas está o lugar chamado A Cruz da Nena, sitio no que hai restos dunha cruz de pedra, posta en recordo dunha nena da Braña que estaba de pastora e atacárona alí os lobos.

Lugar chamado Cruz da Nena

Dito
Lobo famento, non ten asento.

**Imaxe do lobo ibérico, captada por Jose Luis Rodríguez, de Avila, que lle valeu o primeiro premio no concurso de fotografía de natureza máis prestixioso do mundo, o Veolia Environment Wildlife Photographer of the Year 2008.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...