19 de mar. de 2012

A forxa


En Millares parece que non quedan restos da industria do ferro que noutros tempos existiu. No catastro do ano 1753 aparece apuntada unha forxa no pobo e un ferreiro: Antonio González. O ferreiro actual non extraía o ferro, senón que o mercaba xa transformado en barras ou tiras. Pero o ferreiro primitivo tiña que extraer o mineral na zona, onde hai dispoñibilidade deste material a poucos metros da superficie. En Millares nalgunhas paredes das casas, leiros, cortiñas, etc... vense pedras e coios con este mineral. O ferro hai que reducilo  a 1200º de temperatura momento no que o óxido de ferro transfórmase en ferro metálico exponxoso, mesturado con escoura e outras impurezas.


Nun documento do 1900, Manuel Brañas González veciño de Millares é propietario da metade da casa chamada da Fragua, e da metade da cortiña chamada Chouso da Forxa. Seguiría habendo ferreiros en Millares hai 112 anos?
Para saber como sería a forxa de Millares preguntamos a ferreiros da zona xubilados xa hai tempo.
A forxa é unha construción o pé da casa ou separada, onde traballa o ferreiro, preparando a madeira e o forxado do ferro, pasando polo mangado, afiado e demáis operacións. O lume da forxa fai dela un sitio xeitoso para  o intercambio de ideas e noticias. A forxa podería ter compartimentos ou non. Non estaría moi iluminada porque así o ferreiro aprecia mellor o ton do ferro nas distintas fases.
A forxa adoitábase herdar de pais a fillos. O centro adoita estar libre e os aparatos no lado. 


Algunhas partes son:
Banco da ferramenta: lugar no que están as ferramentas necesarias para o oficio e cunha prensa consistente en dous brazos paralelos e unidos por unha barra que ó xirar apreta ou afrouxa o que se poña entre eles.



Torno: para facer os mangos, xira a madeira para poder traballala. Por exemplo o mango das navallas pode ser de uz, teixo, buxe... A madeira recóllese no inverno cando o zume está baixo, porque se se corta noutra época do ano acaba agretando. Unha vez collida precisa dun ano de secado (depende do tipo de madeira) antes de poder transformala en mango.
Fol de coiro: que permite insuflar aire á forxa para que o lume acenda e quente o carbón. O interior do fol está dividido en dous espazos, o de abaixo produce aire e o de arriba gárdao e bótao por unha tobeira ata debaixo do carbón.


Mesa: de pedra dun metro de alto para situar o lume á altura da cintura do ferreiro e facilitar o traballo. Nesta mesa ponse o carbón.
Tambor: é unha cheminea para que saia o fume e as múxicas non vaian dar á cara do ferreiro.
Pía: con auga ó lado da mesa para enfríar nela a peza traballada e as tenazas cas que se ten “mau do ferro”.
Ingre: prisma de ferro asentado nun toro de madeira enterrado no chan. Para rematar pezas cónicas ten forma de punta nun extremo e furados para facer buratos nas pezas de ferro.


Moa: pode estar fóra da forxa. É unha roda de pedra posicionada en vertical que xira nun eixe e afia as ferramentas. Ten que correr auga pola moa, porque se está seca a pedra o ferro quéimase e estraga o fouciño, coitelo, ...
Martelo: con boca redonda ou ancha para forxalo ferro.
Marra: martelo de maior dimensión para estirar o ferro.
Tenazas: aparato para coller o ferro durante o forxado.
Talladeira: é un instrumento de fío empregado como cicel para cortar o ferro.
Tesoiras: para cortar os coitelos a medio forxar e aproximalos á forma final.
Marca: é unha barriña de ferro na que nun dos seus extremos leva un relevo (marca) para impresionalo no ferro quente. É a marca persoal do ferreiro.
Trencha e gubia: instrumentos empregados para traballar a madeira e facer os mangos.
Serras e coitelos: para facer os debuxos dos mangos.


Nos últimos anos cada vez máis úsabase menos ferro e máis aceiro. Este é unha aliaxe do ferro cunha proporción variable de carbono que permite que a ferramenta templada colla corte. Na forxa o aceiro é o que corta e o ferro o que aguanta. Ambos metais pegábanse na forxa ca marra ata facer deles unha mesma folla. Deste modo o fouciño por exemplo, ía calzado, levando o ferro pola parte de atrás (a cota) e o aceiro pola parte de diante (o fío).
Os produtos que se fan nas forxas son moi diversos: fouciño, coitelo, navalla, brós, galla, picaña, rodo, etc...



Exemplo das fases para facer un fouciño:
O calzado: únese o ferro e o aceiro.
Estirado: vaise quentando e mazando o metal.
Espalmado: anchéase máis o metal e dáselle a forma.
Cravuñado: nesta fase utilízase o martelo, non a marra. Altérnase o martelado manual sobre a ingre co quentado do fouciño.
Marcar: ponse o selo de identidade.
Templa: consiste nun quentado moi forte e nunha inmersión inmediata do mesmo na pía da auga. Logo dun par de segundos sae branco e fumeando. Na auga métese de cota, se se fai ó revés o fouciño estala ou sae sedado e faino inservible.
Mangar: con mango de madeira.
Afiar: na moa.
Cólgase e sécase ó aire.
Nota: nos últimos anos os ferreiros case non calzan os fouciños o que fai que non duren tanto e rompan antes. Ademáis ó non calzalos producen máis unidades no mesmo tempo. E ó poñerse todos de acordo para fabricar así, deixan sen alternativa ó labrego...
A navalla: curiosidade.
Facer unha navalla leva máis tempo porque ten máis detalles e o proceso é máis minucioso. É un instrumento intransferible, moi persoal, un símbolo que ten certo significado. Pode chegar a dicir moito do seu posuidor, os seus adornos poden ou non, transmitir mensaxes “codificados” ós demáis.


 A súa posesión adoita ser un trazo de masculinidade. Algúns mozos presumían de navalla, por exemplo: se tiña varias funcións como garfo, culler,... ou se tiña determinada forma, etc. Hoxe vaise perdendo a tradición, pero hai veciños que ó sentarse á mesa na cociña, evitan usar un coitelo de mesa como o resto da familia e/ou invitados. Usan a súa propia navalla que levan no bolso do pantalón. Cortan por exemplo un pedazo de toucín e cómeno enriba do pan axudándose únicamente da navalla. Esa mesma navalla era usada para facer unha vara para tornar os animais, para a manicura, para enxertar, para cortar unha silva, etc…











Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...