09/02/2012

O Xabaril


En Millares, o xabaril (Sus scrofa) chegou a comer patacas e millo nas leiras situadas a poucos metros das casas. Ten un oído e olfacto finísimo que compensa a súa mala vista. O seu fociño está especializado en dar golpes mortais. É un animal nocturno e pode percorrer grandes distancias nunha soa noite, podendo ser visto raras veces, ó serán ou pola mañanciña. É omnívoro pero prefire o millo e a castaña. Cando nacen teñen unha pelaxe a listas de cor marela e marrón ata os seis meses e chámanse ranchos. Por unha parte causa estragos nos cultivos agrarios e forestais, e por outra airea o solo e consume vermes e réptiles perigosos. Capturado de novo chega a ser un gran amigo do home, como caso curioso unha india dos Guajá saíu nos medios de comunicación amamantando a unha cría de xabaril.
Supersticións: Se unha persoa comía da cachola do porco bravo sería incapaz de contar mentiras.

Detección do xabaril
Hai que ter moita experiencia para que o estudio concienciudo dunha serie de indicios dea unha lectura completamente clara, pois saber que é un xabaril é fácil, pero non onde vive, canto pesa ou a idade que ten.

Pegadas
Poden chegar a medir ata sete centímetros de anchura pero o tamaño e a forma depende da idade, peso, sexo e do terreo por onde pasa.Un xabaril macho de avanzada idade ten unhas pegadas amplas e impresas ata o talón. As beiras dos pezuños estarán redondeados a causa do desgaste, e os planos (transversal e lonxitudinal) aparecerán practicamente horizontais e separados un do outro debido ó peso. As pegadas dunha femia adulta diferénciase das do macho porque os seus dedos teñen un perfil máis afiado. Os planos do pezuño preséntanse máis xuntos que os do macho. En terreos duros ou areosos é máis complicado asegurar o tipo de animal. Pódense confundir con pisadas de corzo, cervo ou xato.



Fozadeiros
É algo innato e foza a terra en busca de alimento. Nos prados dálle a volta ós terróns e pode deixar gran superficie ó descuberto, nos regos de patacas ou millo por exemplo cambian alternativamente de rego, cómo se quixeran saber onde está o alimento máis saboroso.


Baño
Enzóufanse case tódolos días e durante todo o ano. Buscan lameiros que posúen substancias especiais para libralos da gran cantidade de parásitos da súa pelaxe. A forma do baño é o perfil calcado do lombo e lateral do animal, sobre todo en lameiras semisecas.

Barro seco onde o xabaril tomou un baño

Outros (Sedas, excrementos e dentadas).
A comezos do verán cando muda a pelaxe é máis facilmente ver as sedas en silvas, toxos ou nos baños.
Os excrementos están formados por varios elementos, e están cerca da área do encame. Parécense ás do porco doméstico e a súa cor varía segundo a alimentación. Pódese saber cun pouco de costume datos sobre o tamaño e tempo transcorrido desde o paso.
As dentadas nas árbores é un dos métodos que utilizan os machos para demarcar o seu territorio. Algunhos afirman que estas marcas son o resultado da práctica do afiado dos dentes. O que anuncian con toda claridade é que un macho anda polo lugar.


Formas de caza.
A lei de caza do ano 1902 vixente ata 1970 permitía cazar tódolos días da semana ó longo dunha temporada.
O cazador interrompía os labores de labranza ante o aviso de que un ou varios cochos andaban polos arredores. Xuntábanse varios e ían na busca do xabaríl. A veces non daban co bicho e pasaban a noite onde se atopaban para seguir sobre a pista ó día, ou días seguintes.
O período hábil para exercer a caza, válido con alcance xeral, foi para a tempada 2011-2012, entre os días 16 de outubro de 2011 e o 6 de xaneiro de 2012, ambos inclusive. Considéranse días hábiles de caza, con carácter xeral, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.
Para o xabaril o período hábil estenderase desde o 20 de agosto de 2011 ata o 19 de febreiro de 2012, nas modalidades de gancho, montaría e espreita.
Co fin de reducir os danos producidos por esta especie, logo de comprobar a existencia daqueles, a administración poderá autorizar, a realización de ganchos, montarías ou esperas.
O sistema normal utilizado para cazar é unha mestura de gancho e batida, onde o número de postos é máis reducido que na montaría, batendo zonas relativamente pequenas e cunha soa manda. Os tiradores acostuman participar na procura de rastros, e os donos dos cans na solta dos mesmos; estes adoitan ir acompañados da correspondente escopeta, cubrindo postos e formando pequenas armadas travesas.
Antigamente utilizábanse cans de palleiro, hoxe son cans de razas cruzadas ou razas puras con predisposición para este tipo de caza como: sabuxos, grifóns niverneses, azuis de Gascuña.
As escopetas antes eran de canóns paralelos que foron sendo substituídas por escopetas semiautomáticas e as de canóns superpostos.


Cociña
A carne de xabaril é moi rica en proteína e debido ó obrigado precociñado conséguense pratos con alto valor nutritivo. Antes de cociñar esta carne é obrigatorio a inspección veterinaria debido á triquinose, que pode contaxiar ás persoas e causarlles grandes problemas patolóxicos.
Para que a carne non quede seca e correúda hai que pendurar e logo mariñar o cocho.
Pendúrase de dous a doce días dependendo do tamaño para que as encimas descompoñan as fibras pra que a carne sexa máis tenra e saborosa. Debe ser un lugar fresco e ventilado nun ambiente inferior a 4ºC e 80% de humidade.
O mariñado é un proceso para eliminar parte do bravío e a carne teña máis zume precisando  para facelo de viño tinto, cenorias, craviños, allo, cebola, loureiro, apio, craveiro e pementa negra. Nesta mestura tense a carne en cachos de cinco a dez días dándolle unha volta cada día. Logo escórrese ata que estea enxoita e dóurase en aceite quente para posteriormente cociñala segundo a receita escollida.


Lacón de xabaril
Ingredientes para unhas catro persoas.
Para adobar: 1 lacón (3kg), 4 dentes de allo en rodas, 1 cullerada de pemento doce, 1 cullerada de pementa moída, 1 dl de aceite.
Para o asado: 3 culleradas de sal, 2 craveiros, 2 dentes de allo, 1 cebola, 2 pastillas de concentrado de carne, 5 dl de viño branco seco
Preparación: Déixase o lacón sen pel en adobo de 3 a 4 días. Logo sálgase e dóurase ben na mesma graxa de mariñar; engadímoslle o craveiro, o allo e a cebola enteira. Desfacemos as pastillas de concentrado e regámolas co viño. Logo déixase cociñando durante dúas horas e media.
Costelar de xabaril á brasa
Ingredientes para unhas catro persoas.
2 kg de costela de xabaril, 6 dentes de allo en rodas, 1 rama de ourego, 1 cullerada de perexil, 4 follas de loureiro, 1 culleradiña de pementa esmagada, 1 cullerada de pemento doce, 200 g de manteiga de porco derretida, 2 culleradas de sal, 2 limóns
Preparación: Primeiro maríñase a costela con tódolos ingredientes, agás o sal e o zume de limón. Déixase da noite para a mañá. Logo sálgase e ásase á brasa uns dez minutos por cada lado, pintándoa co zume de limón de vez en cando.

Millo, unha das súas comidas favoritas
Pel do xabaril
Pezuña do xabaril

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...