20/02/2012

Muiños

O muiño é unha das mostras de arquitectura popular que máis abunda na paisaxe galega, está directamente relacionado cun dos elementos básicos da alimentación: o pan, por iso posuía un gran valor dende o punto de vista económico e xogaba un papel moi importante nas relacións sociais da Galicia rural.
En Millares, houbo muiños nos lugares do Muinvello, prado do muín e no Candal, onde aínda quedan algúns restos.
Segundo datos do catastro de Ensenada, no ano 1753, había en Millares dous muiños. Os dous chamados do Candal, un pertencía a Basilio Rodríguez e a Domingo Millares, e o outro era propiedade de Juan Torneiro e Pedro González. Os dous muiños, moían con auga da fonte do Espiñeiro, a cuarta parte do ano.
Os primeiros muiños achados en Galicia datan do neolítico, son muiños de man nos cales se moía o gran fregando unha pedra contra outra, a fariña que se obtiña con este método era basta e de mala calidade.
Houbo que esperar ata a época romana para encontrar o muiño de man circular, constaba de dúas rodas de pedra colocadas unha enriba doutra, a de abaixo era fixa e a de enriba móbil, apareceron restos destes dous tipos de muiños nos castros.
Durante séculos para levar a cabo as actividades da vida cotiá como a moenda, o home apenas contou con outro tipo de enerxía que non fose a súa propia forza, co paso do tempo, fóronse deseñando artefactos que facilitaron o traballo, un deles foi o muiño hidráulico, o que supuxo a substitución da forza humana pola forza da auga como fonte de enerxía para a produción de fariña.
En Galicia estes muiños apareceron na alta idade media, aproximadamente nos séculos XI e XII.

Para poñer en marcha o muiño facían falta distintas construcións:
Presa ou acea, úsase cando o muiño non está na canle natural do río ou regueiro, serve para levar a auga ata el, é unha parede construída con pedras grandes.
Canle, para desviar a auga ata o muiño.
Comporta, é unha estrutura móbil para regular a entrada da auga.
A zona do muiño onde vai o rodicio chámase inferno e a zona de traballo propiamente dita chámase tremiñano.


O mecanismo de trituración ten as seguintes partes:
Cabria ou guindaste, para levantar a moa ou pedra.
Moega, depósito con forma de pirámide invertida que serve para depositar o gran que vai ser moido.
Canaleta, canle de madeira que serve para conducir o gran dende a moega cara á pedra ou moa.
Tambor, armazón cilindrica de madeira que cobre as moas, a súa función é impedir que o gran convertido en fariña caia polos laterais, ten unha abertura por onde sae a fariña do caixón.
Moas ou pedras, son as pedras de forma circular e gran tamaño que serven para triturar os cereais.

Cabria ou guindaste

Tambor

Moega, pé e pedra

O mecanismo básico de rotación do muiño está composto por tres elementos:
Rodicio, trátase dunha roda que xira ao recibir a presión da auga, é a peza motora do muiño, formada por un número de pas chamadas tamén culleres, que xiran en posición horizontal, antigamente as pas eran de madeira de carballo pola súa calidade e dureza, posteriormente substituíronse polas de metal.
Eixe ou árbore, é o brazo sobre o cal van incrustadas as pas do rodicio.
Viga horizontal ou ponte, é a viga mestra sobre a que se sustenta todo o conxunto.

Rodicio
Inferno
Ridicio co eixe de madeira

A propiedade dos muiños:
O tipo de propiedade dos muiños presenta varias modalidades que afectan tamén ao seu uso, podía ser propiedade particular dunha persoa que moía para outros, neste caso o muiñeiro cobraba unha maquía ou parte do gran, estes muiños chamábanse de maquía.
Os muiños de parceiros eran aqueles nos que a propiedade pertencía a varios veciños, estes adqurían o dereito de uso participando todos na súa construción e mantemento.
Ás veces os donos eran membros dunha mesma familia e a propiedade herdábase, estes chamábanse muiños de herdeiros, nestas dúas formas o uso facíase por parte ou por quendas.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...