7 de feb. de 2012

Dicionario xeográfico-estatístico-histórico de Pascual Madoz 1846-1850


BRAÑA (San Miguel da):
Freguesía na provincia e diocese de Lugo (distancia de 4 leguas), partido xudicial de Fonsagrada (4 leguas) e concello de Baleira (1 legua).
Situada sobre o camiño que dirixe ás Castillas. Clima morno e san con boa ventilación; as enfermidades máis comúns son febre e dores de costado.
Comprende os lugares de Abrairas, Braña e Millares, que reúnen 37 casas de poucas comodidades. A igrexa parroquial (San Miguel), é única e o curato de entrada e padroado é leigo.
O termo confina polo Norte con Retizós, polo Leste co monte Cubilledo, polo Sur con Fonteo e polo Oeste co monte Cubeiro.
Hai fontes de boa auga dentro e fóra das indicadas poboacións, con cuxos derramos regan os seus prados e hortos, inmediato ao lugar de Abrairas haina mineral, purgante e ferruxinosa. O terreo é arxiloso e calcario, os montes arriba citados son pouco poboados e de 20 en 20 anos rózanos e seméntanos de centeo.
O camiño xeral que conduce das Castillas ás costas e pobos marítimos de Galicia, áchase en mediano estado ao seu paso por esta freguesía, e o correo recíbese da administración de Lugo.
Produce: patacas, centeo, liño, berza bastante fina, fabas e pastos. Cría gando vacún, de porco, lanar e cabrún, hai caza maior e menor. Industria: agrícola e 3 muiños fariñeiros.
*Poboación: 37 vecinos, 224 almas. Contribución co seu concello (Baleira).

Fonte da Luseira (Abrairas)

*Ó ler documentos antigos, (de ata principios do século XIX principalmente), encontramos varias veces o termo "veciño", polo xeral este termo non coincide co de habitante, xa que nos censos antigos, chámase veciño soamente ao cabeza de familia, que era o único que aparecía nos padróns da veciñanza.
Para referirse ao total dos habitantes, facíase co termo "almas", de aí a diferenza de poboación, (37 veciños, 224 almas).
Neses padróns de habitantes non aparecen nunca as mulleres, porque non se censaba nin as mulleres casadas nin aos fillos-as non emancipados, as únicas mulleres que se censaban, eran as viúvas cabezas de familia ou sexa as que tiñan fillos aínda menores de idade.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...