12 de xan. de 2012

Os toxos


Cal é a planta mais típica de Galicia?, se miramos ó noso arredor en calquera época do ano, seguro que a nosa resposta será o toxo.
O toxo é un arbusto espiñento de flores amarelas moi rechamantes que se chaman chorimas, mide entre medio metro e tres metros dependendo da variedade, as súas follas son espiñas de entre 1 e 3 centímetros.
Crese que o toxo está en flor todo o ano, pero non é así realmente, en Galicia existen tres clases de toxo:

O toxo gateño é o máis pequeno de todos, non supera os 80 cm de
altura e florece a finais do outono.


O toxo femia, chega ao metro de altura, florece a mediados do verán.

O toxo arnal é o máis grande de todos, chegando a alcanzar os 3 metros
de altura, florean na primavera e comenzo do verán.
A crenza de que o toxo sempre está en flor en Galicia explícase polo anterior, como hai tres tipos de toxo que florean en distintas épocas, dá a sensación de estar sempre florido.
O froito do toxo é unha vaíña de 2 cm de cor cinza escura, esta vaíña contén dous ou tres sementes que se liberan cando estala a vaíña en momentos de calor.
Esta planta arde moi doadamente pero tamén ten un crecemento moi rápido despois dun incendio, polo que é das primeiras en ocupar un 
terreo que ardese, as súas sementes poden xerminar aínda que se visen afectadas polo lume.
Esta planta non só forma parte do ecosistema galego, senón que tamén está arraigada na cultura desta terra.
Son moitos os beneficios que se obteñen do toxo, dá acubillo e refuxio a un gran número de aves e mamíferos, achega nitróxeno ó chan aumentando a fertilidade deste, antano usábase como cama para o gando e despois como fertilizante para os cultivos, aínda que tiña outros moitos usos:

Toxo da mariña: botábase no monte en cerrados, para comer as éguas e o gando nas épocas de fame. Comíano picado.
Entre as coles botábanse fentos ou toxos para que non medrase a herba.                O toxo como fertilizante empezou a sustituirse na década do 1960 por nitrato de Chile e mineral en po. Posteriormente usáronse minerais granulados. 
Esterco con toxos, prácticamente esta imaxe desapareceu
do campo galego

O toxo era a planta que máis se collía para botar nas cortes onde se gardaba o gando, alí xunto cos excrementos formábase o esterco, que era o fertilizante usado en Galicia. Para botalo nas cortes había que recollelo cando aínda era novo e de pouca altura, hoxe en día esta tarefa practicamente desapareceu e os animais pasaron de durmir sobre os toxos a durmir sobre o cemento.
Non hai dúbida de que o toxo está a desprazar ós pasteiros en Galicia, pero iso débese ó abandono do campo, non á facilidade para adaptarse desta planta.
Pero os beneficios do toxo van mais alá, é unha planta medicinal que ten moitas propiedades terapéuticas, as súas flores son moi apreciadas polas súas excelentes propiedades medicinais, ó igual que as sementes da planta.
As flores recóllense na primavera e póñense a secar de inmediato, á sombra ou nun secadoiro e a temperatura non moi elevada, as sementes en cambio pódense conservar directamente en frascos herméticos para que desta forma conserven a maior cantidade posible de principios activos.
O toxo contén un alcaloide chamado citisina, en maior concentración nas sementes que poden albergar ata un 1% do alcaloide, nas flores áchase un glicósido, o ulexósido en cantidades que varían do 0.2 ao 0.4%.
As sementes ó conter citisina, son aptas para elevar o ton cardíaco, tanto coa semente coma coa citisina en estado puro, combateron a asma, a tose ferina e mesmo a dor de cabeza
Non obstante as flores usáronse popularmente para paliar algunhas enfermidades do fígado, e teñen as mesmas calidades que o boldo.
-infusión: ferver un puñado de flores nunha cunca de auga, tomar dunha a tres cuncas ó día despois das principais comidas.
O problema principal desta planta é o perigo potencial das súas sementes, porque se son demasiado ricas en citisina poden resultar tóxicas.

RECEITA LICOR DE TOXO:
-1 litro de augardente
-3 ramiñas de toxo
-600 gramos de mel
-1 litro de auga
Paso 1: quentar a auga nun cazo e disolver o mel.
Paso 2: nunha botella meter as ramiñas de toxo, previamente lavadas e secas, a augardente e o xarope de mel xa frío.
Paso 3: deixar repousar 15 días nun armario, axitando a botella todos os días, pasado ese tempo pódese consumir, pero como case todos os licores mellora co paso do tempo.





Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...