25 de xan. de 2012

Industria téxtil


Tear 1879 (a ilustración galega e asturiana)

Nos castros atopáronse sementes de liño (linun usitatissimum) e tesoiras de rapar as ovellas que confirman a utilización de liño e la dende moi antigo. Ata ben entrado o século XX, no medio rural as necesidades de vestido e roupa da casa abastecíanse coa produción dos teares domésticos. As fases de transformación do liño pódense dividir en catro grandes bloques: cultivo, obtención da fibra, transformación en fío e elaboración dos tecidos.

Flor do liño

A SEMENTE
O liño sementábase nunha terra boa, fértil e húmida na primavera no mes de abril e máis ou menos ó ano seguinte o fío está en condicións para levar a tecer.
A MONDA
Cando a planta ten entre 15-20cm, aproximadamente ós 8 días da semente, móndase e sáchase co fin de arrincar as malas herbas e asentar a raíz do liño.
A ARRIGA
En xuño florece o liño, a flor é azul ou violeta. Por xullo a planta ten uns 40 cm de altura e o tallo é fibroso de onde sae o fío de liño.
Arrígase de raíz normalmente a principios de xullo sacúdese contra as pernas para quitarlle a terra. Fanse feixes e átanse con viortos para levar para a casa.
RIPADO
Esta operación faise co ripo ou ripeiro que consiste nun banco cunha táboa perpendicular cravada no medio e que é parecida a un peite. Este peite ten as púas da mesma madeira que normalmente é de cerna de carballo. Ó pasar o liño polo ripa alternativamente solta a bagaña.  A bagaña métese nun lugar escuro para que fermente, e dalí a uns días sácase ó sol para que se seque. Así sepárase a bagaña da liñaza, ésta gárdase para a semente do ano seguinte, despóis de que quede ben limpa. Da liñaza tamén se extrae aceite utilizado para aplicar ás madeiras ou na pintura mezclado con óleo. Ca liñaza tamén de facían cataplasmas que aliviaban a tose e outras doenzas.

Ripa

ENLAGOAR O LIÑO
Despóis de ripar o liño lévase en feixes a unha laga, en Millares había varias no Candal, e poníanselles algún peso (madeiros, pedras) para que non saise da auga. O obxectivo é que a casca de fora da planta amoleza e pudra. Logo de nove días aproximadamente sácase da auga, cóllese unha presada e aprétase, se queda pegada xa se pode sacar.
Despóis sácase da auga e exténdese nun prado a secar ó sol formando un tendal, dúas ou tres semanas e lévase para a casa.
TRILLO
O liño mallábase con mallos na aira ó mediodía cando máis quentaba o sol, ca raíz para arriba. Os malladores colocábanse en dúas filas, uns frente ós outros e co liño no medio, cando uns baixaban o mallo os outros levantábano.
O liño gardábase ata o inverno que é cando se farán os restantes traballos aproveitando o mal tempo, en que non se poden facer outras labores do campo.

Sarillo

TASCA
Antes da tasca o liño sécase ben de todo por exemplo no forno aproveitando a calor que ten despóis de cocer unha fornada de pan. Logo mazótase para que solte ben a estriga e romperlle a cáscara e despóis táscase. No mazote colócase o liño de forma perpendicular a el e golpéase con forza. A tasca consiste nun banco que tiña un furado nun dos extremos para metela afita. O traballo consistía en ir rascando o liño á dereita e á esquerda contra afita para sacarlle tódalas arestas (partículas que desprende o liño).
RESTRELO
Faise o mesmo día da tasca e arrestrélase para separar os cerros da estopa. O restrelo é unha táboa con puntas facendo unha especie de cepillo. Pásase o liño polos dentes e a estopa vai quedando nos cravos, e o liño bo ou cerro na man.

Restrelo
A FÍA
Xa está listo o liño para a fía co fuso, que a facían as mulleres mentras alindaban as vacas ou nas noites de inverno cabo da lareira. O liño enróscase nunha roca. Con este fío fanse as meas no sarillo. O liño branquéabase en auga fervendo con cinza varias horas.

Manela ou cerro de liño

Roca sinxela para fiar

O TECIDO
O fío ponse en novelos ca devanadoira e logo xa se pode levar ó tear.
No tear pódense facer diferentes tipos de tecidos, dependendo da técnica aplicada e da materia prima utilizada. 

Saco de liño para a fariña

Saco de liño para mercaderías

USOS DO LIÑO E DA LA
Cas fibras máis ruíns do liño facíanse sacos para o transporte de mercadorías. O liño máis fino (lenzo) era para sabas, manteis e toallas e o máis gordo (estopa) para camisas e mantas. O cerro aínda non hai moitos anos usábano os fontaneiros para as roscas dos canos e tamén os carpinteiros. Facíanse farrapeiras que levaban a urdime de liño e a trama de farrapos. Os farrapos facíanse de pezas de roupa vella que xa non se podía remendar, cortándoas en tiras longas que se cosían unhas ás outras.
A la lavada e ben cardada era usada como recheo de colchóns. A la fiada e retorcida ca parafusa, calcetábase para confeccionar prendas de vestir como medias ou calcetíns.

Farrapeira usada como cobertor

A LA
O proceso de transformación da la non é tan laborioso como o do liño. A rapa faise por abril e maio en lúa minguante, pois de non o facer así a la será ruín. Comézase a rapar polo abdome e as patas rematando polo lombo. A la bótase nun pote con auga fervendo e xabón e déixase secar. Ca la seca lávase no río para quitarlle a suciedade e a graxa. Xa lavada esténdese nun campo ó sol ata que seque.
Logo na casa procédese a escarpizar, alargándoa e tirando dela ata que quede ben esponxada.
A última operación á que se somete é o cardado, que consiste en alisar e peitear as fibras e limpalas das impurezas que puideran ter adheridas.
Despóis de cardada xa queda disposta para o fiado, tarefa que se realiza do mesmo xeito có liño.
A la fiada emprégase para calcetar ou ben para tecer no tear.


 REFRÁNS
Mentres teña o meu tear,
camisa non me ha faltar.

Liño de Holanda pesa e non anda.

Nai e filla caben nunha camisa,
sogra e nora non caben en tea toda.

Mentres ande na eira o xugo,
ande na casa o fuso.

ADIVIÑAS
Nace no monte
bebe na fonte
ven prá casa
e baila ca rapaza. (O liño)

Banco no medio
estribo no pé,
rincha que rincha
e cabalo non é. (O tear)

Tesoira para rapar, século XX

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...