09/01/2012

As cociñas.

Non hai na casa habitación máis importante ca cociña, é o lugar de reunión tradicional.
Ó longo dos últimos séculos, as cociñas cambiaron moito, pasaron daquelas ancestrais lareiras, creo que xa non se conserva ningunha en Millares, á cociña económica de leña ou cociña bilbaina como tamén se lles chamaba, e desta última á moderna vitrocerámica.
Faremos un percorrido ó redor das dúas primeiras.



A lareira:
A lareira era o corazón do fogar, o sitio onde se cociñaba e ó redor do cal vivíase e contábanse historias, onde as tradicións pasaban de xeración en xeración, nas longas e frías noites do inverno galego, a lareira tivo un lugar central dentro da cultura galega.
Daba luz á estancia e calor ós seus moradores, era o centro de reunión tanto da familia coma dos veciños.


Non só se cociñaba e se comía neste espazo, tamén servía para secar a carne da matanza e preparar a comida para os animais.



A lareira é unha lousa de pedra a nivel do chan sobre a que se prende o lume, pode estar situada nun ángulo, no medio ou no centro da estancia, eso depende do espazo que haxa na cociña, algunhas lareiras atópanse algo máis elevadas co solo darredor para que sexa máis comodo atender ó lume.
As lareiras poden ser rectangulares, de feito case sempre son así, pero hainas cun entrante no lado principal para que a persoa que atende o lume poida achegarse máis.
Unha parte importante na lareira é o caínzo, consiste nun entretecido de paus, varas ou canas que fan unha especie de plataforma a través da cal pasa o aire quente e o fume.


Moitos caínzos levan nos lados e por abaixo dous madeiros paralelos para apoiar neles as varas de colgar os chourizos e outras marabillas procedentes da matanza do cocho.
Outro elemento típico na cociña é o caldeiro, a veces está suspendido dunha gramalleira, que colga do caínzo, outras cadeas penden dun madeiro chamado guindaste que xira sobre un eixe vertical, o que permitía achegar ou apartar o caldeiro do lume.
O resto do mobiliario acostuma estar composto por lacenas, a artesa para amasar o pan, o escano e as espeteiras que eran estantes para a vaixela.






E por último o vertedeiro, situábase tamén na cociña, cerca da lareira, consistía nunha pía de pedra encaixada na parede, a uns 90 cms do solo aproximadamente, no fondo estaba lixeiramente inclinada para facilitar a saída da auga ó exterior a través dun furado que atravesaba a parede de lado a lado.
Acostumábase situar debaixo dunha ventá para que lle dese luz e permitise tamén a súa ventilación.




 Cociña económica ou cociña bilbaina:
En tódalas casas de Millares hai unha cociña económica, desas de ferro negro con algún adorno de bronce, das que teñen dous furados na plancha cuns aros de quita e pon por onde se mete a leña, pódese cociñar directamente sobre o lume quitando algún dos aros ou cos aros postos para unha cocción sen présas.
A plancha tamén se usa para manter a comida quente, asar unhas castañas ou facer o café mentras se cociñan outros alimentos.
Ademáis en Galicia, non sei se tamén noutras zonas, estas cociñas teñen a particularidade de estar encaixadas nas mesas, polo que todos comen arredor dela, á calor da leña.


A cociña económica quedou relegada a fogares do ámbito rural, chámaselle económica precisamente porque nela aprovéitase moito mellor a leña respecto ó tradicional lume aberto.
Componse principalmente dos seguintes elementos:
-xeralmente na parte esquerda ubícase o braseiro, que é onde se queima a leña, accédese a él desde a parte superior, retirando os aros ou ben desde a súa propia porta na parte frontal.
-debaixo do braseiro, separado deste por unha reixa atópase o cinceiro que como o seu nome indica serve para recoller a cinza.
-no medio atópase o forno e debaixo un furado para a limpeza da cheminea.
-na parte dereita algunhas dispoñen dun deposito para a auga quente e unha billa na fronte, hoxe en día en desuso.
-todas teñen unha cheminea para a evacuación do fume e perpendicular a esta deslizase unha plancha metálica denominada tiro que regula a saída do fume.

1 comentario:

por.millares dixo...

Unha gran noticia, se que queda unha cociña de lareira en Millares, e ademais completa.
Na casa de Eiros, quen sabe os lustros que terán pasado dende a última vez que alguén fixo lume nela.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...