30 de xan. de 2012

Culto as árbores en Galicia

O carballo é común en toda Galicia, pero é unha especie que está en continua regresión, xa que está a ser substituída pouco a pouco polos piñeiros e os eucaliptos, que teñen un crecemento máis rápido.
Castiñeiro no Candal, Millares

Entre os pobos celtas, a árbore sagrada era o carballo, e deles procede a tradición de adornar unha árbore en Nadal, como o carballo perde as súas follas no inverno e parece morto, os celtas e outros pobos centro europeos, ofrendábanlle froitos para que revivise, e con el toda a natureza.
As árbores foron obxecto de superstición en toda Galicia e de entre todos eles o carballo:
Os romanos chamaban aos carballos Lucus, que é o mesmo nome que deron á cidade de Lugo, isto fainos pensar que en Lugo puido haber un bosque sagrado ou algún lugar similar.
O carballo foi no seu día adorado como pai dos deuses e dos homes, é a árbores sagrado dos galegos e representa o sÍmbolo da fortaleza e curación, para lograr calquera destas dúas cualidades, a sabedoría popular recomenda sentarse baixo as súas ramas.
-para curar as hernias dos nenos, faise unha fenda nun carballo novo, e os padriños fan pasar á criatura pola fenda, ponse o padriño dun lado e a madriña do outro, tres veces pásalle o neno o padrino á madriña e outras tantas devólvello esta a aquel repetindo estas palabras:

Doucho quebrado
dácamo sano

Despois xúntanse as  partes separadas da árbore, átanse fortemente pero con coidado e se a árbore se pecha, o neno cúrase, se non, seguirá herniado.
-para curar as malas posturas (tortícole, lumbago etc.) recoméndase pasar por entre dous carballos que nacesen xuntos e que se tivesen separado para xuntarse outra vez máis arriba.

Millares

A sombra das árbores tamén ten virtudes diferentes:
-din que a sombra do castaño e a da nogueira son malas para as persoas e as plantas, en cambio a do carballo e a do eucalipto son boas, á parte da nogueira e do castaño teñen este carácter nocivo a figueira e o ciprés dos cemiterios.
Árbores que teñen un efecto purificador:
-os carballos presentan esta virtude, ademais de ser sagrados, como xa se dixo con anterioridade, unha lenda galega di que no seu interior escóndense "as pedras do raio", (antigamente  pensábase que os carballos eran pedras que se formaban no interior da terra ao caer o raio, saíndo posteriormente á superficie convertidos en árbores).

Carballeira 

Carballeira nova en Millares

Carballo en Millares

No Candal, Millares


26 de xan. de 2012

Veciños ilustres



Segundo un documento achado no arquivo histórico, en relación a un testamento outorgado no lugar de Millares, no ano 1810 había en Millares dous escribáns de Su Majestad, hoxe coñecidos como notarios, un deles chamábase Pedro Antonio Piñeiro e o outro respondía ao nome de Antonio María Peña, deste último cónstanos que era alcalde de Baleira no ano 1837*.
Nun parágrafo do devandito documento sinálase que nese momento, ano 1810, o cura da parroquia da Braña era Francisco Piñeiro de Millares, quen foi sacerdote na Braña dende o ano 1772 ata o ano 1814, ano do seu falecemento.
Nesa mesma época, foi presbítero na mesma parroquia o seu irmán Francisco Xabier Piñeiro, que morreu no ano 1810, nese momento había na igrexa parroquial da Braña dous sacerdotes, coa particularidade de ser irmáns e á súa vez ser tamén irmáns do escribán Pedro Antonio Piñeiro (citado anteriormente), quen falece tamén en 1810.
Vaia lea de irmáns!.
*Nun documento datado o día 18 de xuño do ano 1837 dise que: "o alcalde Antonio María Peña, pide informe a un celador de policía e seguridade pública de Xestoso, parroquia da Fontaneira, por un suceso acaecido, no cal roubaron e incendiaron a casa de Cayetano Dourado, veciño tamén de Xestoso".
Falando dos curas da parroquia, temos coñecemento de que no ano 1622 (O ano 1513 é a data máis antiga da que encontramos documentos relacionados co noso pobo, sobre un pleito sobre hidalguía), era clérigo do lugar Alonso de Millares, residente en San Román, non sabemos ata que ano exerceu esas funcións.
No ano 1693 foi clérigo presbítero Bartolomé de Millares, veciño do couto da Braña.
Do ano 1697 ata o ano 1723 foi párroco Juan Millares Valiño.
Dende o ano 1739, hasta o ano 1771 foino Francisco Millares e presbítero Jacob Millares, non nos consta se eran ou non familia ou se a coincidendia do apelido é meramente casual.
De 1772 a 1814 foi párroco Francisco Piñeiro de Millares, ao cal xa nos referimos antes.
Tamén temos constancia de que a reitoral da Braña, foi usada como residencia para os curas dende finais de 1800 ata o ano 1980, hoxe en día, a reitoral xa non existe, foi derrubada en agosto de 2011 debido ao seu lamentable estado de conservación, no seu lugar construíuse un aparcadoiro para os asistentes aos oficios relixiosos.
Non podemos pechar este capítulo, sin citar ao escultor Bonifacio Castro Seoane, que viviu en Millares, na casa de Peña, entre finais de 1800 e principios de 1900, súas son as imaxes de San Miguel e a da Virxe das Dores que se conservan na igrexa da Braña.




25 de xan. de 2012

Industria téxtil


Tear 1879 (a ilustración galega e asturiana)

Nos castros atopáronse sementes de liño (linun usitatissimum) e tesoiras de rapar as ovellas que confirman a utilización de liño e la dende moi antigo. Ata ben entrado o século XX, no medio rural as necesidades de vestido e roupa da casa abastecíanse coa produción dos teares domésticos. As fases de transformación do liño pódense dividir en catro grandes bloques: cultivo, obtención da fibra, transformación en fío e elaboración dos tecidos.

Flor do liño

A SEMENTE
O liño sementábase nunha terra boa, fértil e húmida na primavera no mes de abril e máis ou menos ó ano seguinte o fío está en condicións para levar a tecer.
A MONDA
Cando a planta ten entre 15-20cm, aproximadamente ós 8 días da semente, móndase e sáchase co fin de arrincar as malas herbas e asentar a raíz do liño.
A ARRIGA
En xuño florece o liño, a flor é azul ou violeta. Por xullo a planta ten uns 40 cm de altura e o tallo é fibroso de onde sae o fío de liño.
Arrígase de raíz normalmente a principios de xullo sacúdese contra as pernas para quitarlle a terra. Fanse feixes e átanse con viortos para levar para a casa.
RIPADO
Esta operación faise co ripo ou ripeiro que consiste nun banco cunha táboa perpendicular cravada no medio e que é parecida a un peite. Este peite ten as púas da mesma madeira que normalmente é de cerna de carballo. Ó pasar o liño polo ripa alternativamente solta a bagaña.  A bagaña métese nun lugar escuro para que fermente, e dalí a uns días sácase ó sol para que se seque. Así sepárase a bagaña da liñaza, ésta gárdase para a semente do ano seguinte, despóis de que quede ben limpa. Da liñaza tamén se extrae aceite utilizado para aplicar ás madeiras ou na pintura mezclado con óleo. Ca liñaza tamén de facían cataplasmas que aliviaban a tose e outras doenzas.

Ripa

ENLAGOAR O LIÑO
Despóis de ripar o liño lévase en feixes a unha laga, en Millares había varias no Candal, e poníanselles algún peso (madeiros, pedras) para que non saise da auga. O obxectivo é que a casca de fora da planta amoleza e pudra. Logo de nove días aproximadamente sácase da auga, cóllese unha presada e aprétase, se queda pegada xa se pode sacar.
Despóis sácase da auga e exténdese nun prado a secar ó sol formando un tendal, dúas ou tres semanas e lévase para a casa.
TRILLO
O liño mallábase con mallos na aira ó mediodía cando máis quentaba o sol, ca raíz para arriba. Os malladores colocábanse en dúas filas, uns frente ós outros e co liño no medio, cando uns baixaban o mallo os outros levantábano.
O liño gardábase ata o inverno que é cando se farán os restantes traballos aproveitando o mal tempo, en que non se poden facer outras labores do campo.

Sarillo

TASCA
Antes da tasca o liño sécase ben de todo por exemplo no forno aproveitando a calor que ten despóis de cocer unha fornada de pan. Logo mazótase para que solte ben a estriga e romperlle a cáscara e despóis táscase. No mazote colócase o liño de forma perpendicular a el e golpéase con forza. A tasca consiste nun banco que tiña un furado nun dos extremos para metela afita. O traballo consistía en ir rascando o liño á dereita e á esquerda contra afita para sacarlle tódalas arestas (partículas que desprende o liño).
RESTRELO
Faise o mesmo día da tasca e arrestrélase para separar os cerros da estopa. O restrelo é unha táboa con puntas facendo unha especie de cepillo. Pásase o liño polos dentes e a estopa vai quedando nos cravos, e o liño bo ou cerro na man.

Restrelo
A FÍA
Xa está listo o liño para a fía co fuso, que a facían as mulleres mentras alindaban as vacas ou nas noites de inverno cabo da lareira. O liño enróscase nunha roca. Con este fío fanse as meas no sarillo. O liño branquéabase en auga fervendo con cinza varias horas.

Manela ou cerro de liño

Roca sinxela para fiar

O TECIDO
O fío ponse en novelos ca devanadoira e logo xa se pode levar ó tear.
No tear pódense facer diferentes tipos de tecidos, dependendo da técnica aplicada e da materia prima utilizada. 

Saco de liño para a fariña

Saco de liño para mercaderías

USOS DO LIÑO E DA LA
Cas fibras máis ruíns do liño facíanse sacos para o transporte de mercadorías. O liño máis fino (lenzo) era para sabas, manteis e toallas e o máis gordo (estopa) para camisas e mantas. O cerro aínda non hai moitos anos usábano os fontaneiros para as roscas dos canos e tamén os carpinteiros. Facíanse farrapeiras que levaban a urdime de liño e a trama de farrapos. Os farrapos facíanse de pezas de roupa vella que xa non se podía remendar, cortándoas en tiras longas que se cosían unhas ás outras.
A la lavada e ben cardada era usada como recheo de colchóns. A la fiada e retorcida ca parafusa, calcetábase para confeccionar prendas de vestir como medias ou calcetíns.

Farrapeira usada como cobertor

A LA
O proceso de transformación da la non é tan laborioso como o do liño. A rapa faise por abril e maio en lúa minguante, pois de non o facer así a la será ruín. Comézase a rapar polo abdome e as patas rematando polo lombo. A la bótase nun pote con auga fervendo e xabón e déixase secar. Ca la seca lávase no río para quitarlle a suciedade e a graxa. Xa lavada esténdese nun campo ó sol ata que seque.
Logo na casa procédese a escarpizar, alargándoa e tirando dela ata que quede ben esponxada.
A última operación á que se somete é o cardado, que consiste en alisar e peitear as fibras e limpalas das impurezas que puideran ter adheridas.
Despóis de cardada xa queda disposta para o fiado, tarefa que se realiza do mesmo xeito có liño.
A la fiada emprégase para calcetar ou ben para tecer no tear.


 REFRÁNS
Mentres teña o meu tear,
camisa non me ha faltar.

Liño de Holanda pesa e non anda.

Nai e filla caben nunha camisa,
sogra e nora non caben en tea toda.

Mentres ande na eira o xugo,
ande na casa o fuso.

ADIVIÑAS
Nace no monte
bebe na fonte
ven prá casa
e baila ca rapaza. (O liño)

Banco no medio
estribo no pé,
rincha que rincha
e cabalo non é. (O tear)

Tesoira para rapar, século XX

23 de xan. de 2012

A Marronda

A Marronda no outono

Que non sabes que facer o próximo fin de semana? pois dá unha volta por unha das paraxes máis belas da provincia de Lugo, A Marronda.
Cunha extensión de 1239 Ha. é unha das máis importantes reservas de faias  do sur de Europa, nela podes encontrar gran variedade de especies tanto vexetais como animais.
Flora: nesta fraga conviven máis de 170 especies de árbores e arbustos, castiñeiros, carballos, chopos, bidueiros, abeleiras, cancereiros, salgueiros, plátanos, uz, hedra, madreselva, xestas, acivros, mofo e moitas máis.
Os amantes da ornitoloxía poderán gozar dunha gran variedade de aves como o azor, o gabián, xirín, ferreiriño azul, ferreiriño negro, etc.
Posúe tamén unha interesante fauna de mamiferos como o desman dos Pirineos, leirón, musaraña, esquío, marta, denociña, armiño, xeneta, gato montes ou lobo.           

19 de xan. de 2012

Os lavadoiros

Resulta difícil imaxinar a vida das nosas avoas, daquela mulleres que cada certo tempo, xa fora verán ou inverno, debían cumprir a ingrata tarea de ir a lavar a roupa de toda a familia ao río, velas pasar polo camiño cos seus cestos de roupa sucia e o xabón feito por elas mesmas, e regresar despois cansas e mortas de frio ou de calor, dependendo da época do ano.
Hoxe, grazas a lavadora, non podemos nin imaxinar o que debían de padecer agachadas no lavadoiro durante horas e coas mans metidas na auga xeada do Candal. Axeonlladas sobre unha pedra ou madeira, primeiro enxaboaban as pezas refregándoas con cinza para quitar a maior parte da suciedade, despois estendíanas sobre a herba para que o sol fose quitando as manchas e a cor amarelenta, despois de varios enxaugados volvíanse estender as pezas sobre a herba para o seu secado, este duro labor adoitaba durar case todo o día e ao caer a tarde recollíase e dobrábase a roupa para emprender o regreso á casa, si tiñan a mala sorte de que chovese e a roupa non se tería secado, a volta á casa facíase coa roupa mollada, o que multiplicaba o seu peso.
Lugo, lavandeiras, principios do século XX

17 de xan. de 2012

Obxectos e detalles

Antigas pías de pedra para dar de beber ao gando, hoxe en día úsanse como testos, para adorno ou sinxelamente para recoller a auga da chuvia.







Remate do tellado:


Cheminea do antigo colexio:


Cheminea do forno:


Pombal


Pedra de afiar a moa


Argola de ferro:


Antigos farois para iluminación exterior, seguramente sexan dos primeiros modelos que se puxeron en Millares cando chegou a luz ás casas




Pé de hórreo


Escaleiras de acceso ao hórreo



Cancelas:

Cancela de madeira

Cancela de madeira na Penela

Cancela metalica e punto quilometrico
Peche con chantos:

Peche con chantos

Peche con chantos e estacas

Peche con chantos na aira
Peche con parede:

Peche con parede de pedra

Potes antigos usados como testos


Cesto:


Antigos trobos do mel:


16 de xan. de 2012

Ventás.

Entre as pedras das fachadas ábrense os ocos para as ventás, máis ben pequenos para protexerse do frío do exterior.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...